
O primeiro autor en repetir galardón no certame de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña.
O xurado destacou que a novela describe unha “trama arredor do poder que se artella a través de feitos históricos construíndo un relato atractivo destinado ao público infantil”. Valorou tamén o “dominio de referencias artísticas e o históricas, cunhas personaxes moi ben armadas, de maneira especial, o protagonista, que evoluciona ao longo da novela”.
Formaron parte do xuri Paula Carballeira, Míriam Ferradáns, Antía Otero, e Tero Rodríguez ademais do autor da edición anterior, Valentín Alvite, xunto co deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria. “O enigma de Santiago” foi presentado co lema “Tempos fugit”.
O autor
O escritor Xosé A. Neira Cruz é así o gañador da XIV edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil coa súa obra “O enigma de Santiago”, un premio que xa gañara en 2002 coa obra “O armiño dorme”.
A obra gañadora, segundo o xurado, establece unha “ligazón entre dúas épocas históricas a través dun elemento fantástico que, a pesar diso, resulta críbel e verosímil”.
“O misterio da trama atrapa como unha promesa, procurando na experiencia lectora a sensación de estar ante un enigma que che gustaría que fose resolto e que atrapa como unha promesa”, explica o xurado na resolución do premio dunha obra que conta unha historia na que destaca “a presenza de relacións de poder nunha cidade que poden ser extrapolábeis á sociedade enteira, descubrindo os artificios de manexo do poder cun estilo narrativo moi acorde cos nosos tempos e coa lectura da actualidade”.
O xurado valorou tamén a alta calidade das obras presentadas e considerou que a de Neira Cruz supón unha importante achega á literatura galega.
Un autor con ampla e premiada obra
Xosé A. Neira Cruz é xornalista, escritor e profesora da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Xornalismo e en Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación e en Filoloxái Italiana pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou estadías de estudo, docencia e investigación na Universidade de Boloña, na Internationale Jugendbibliotehk de Múnich, na Bibliotèque Nationale de France, na Biblioteca Medicea Laurenziana e masis no Archivio di Stato de Florencia, así como nas Universidades de Lyon (Francia), Macerata (Italia), Rio Grande do Norte (Brasil), Islandia e Lodz (Polonia).
Autor de máis de 30 obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín (1988 e 2000), o Barco de Vapor (1997 e 1999); o RAiña Lupa da Deputación da Coruña, en 2002; o Lazarillo da OEPLI, en 2004; o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria, en 2007; o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnich; os premios Barriga Verde e Manuel María de teatro, da AGADIC, o Repsol de Novela en 2017; o Anxel Fole de Narrativa Curta do Concello de Lugo, en 2019 ou o Carlos Mosteiro de Literatura Infantil e xuvenil do Concello da Pobra do caramiñal, en 2019.