Este 2020 vai bo de rematar e con el ábrese a esperanza dun 2021 onde as campañas de vacinación nos axuden a combater unha pandemia que nos puxo ao límite, non só dende o punto de vista sanitario, tamén dende o social e o económico. Un dos sectores que sufriu cun virulencia o impacto da covid-19 foi o da cultura. Durante meses, debido ás restricións de movemento, a actividade presencial foi nula, o que provocou un parón de artes como a música, o teatro, o cine, etc. Mais ese parón supliuse en moitos casos cunha frenética actividade cibernética que demostrou o compromiso do sector coa sociedade na que viven. Cantos de nós non botamos man da cultura para aturar os meses máis duros da pandemia?
Ao abeiro desta crise naceu tamén un proxecto institucional para colaborar co mundo da cultura e, ao mesmo tempo, poñer a disposición da cidadanía, de balde, múltiples recursos: O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Dirixido a un público moi heteroxéneo, tanto en gustos coma en idades, esta liña de acción cultural promovida pola Xunta posibilitou a posta en marcha de máis de 300 proxectos culturais nos últimos cinco meses.
A Consellaría de Cultura mobilizou 2,5 millóns de euros para a creación dun grande repositorio de propostas creativas de interese cultural en lingua galega. O secretario xeral de Política Lingüística remarcou a filosofía deste fondo “permitiu sacar adiante proxectos culturais moi variados en canto a soporte, temática, estilo, público potencial ou tipo -videoclips, pezas teatrais, discos, documentais, filmes de ficción, libros…-, pero todos eses proxectos teñen un nexo común que é o uso e a potenciación da lingua galega”.
Mais alén dos espectáculos físicos que se multiplican por todo o país ao abeiro deste proxecto, unha das tarefas de futuro é que moitos destes recursos poidan seguir en liña para que poidan acceder a eles todas as persoas que o desexen. Dende Botóns, convidámosvos a mergullarvos na canle de Lingua Galega, onde poderedes atopar traballos ben interesantes tanto para os grandes coma para os pequenos da familia.
Máis información: directorio de recursos do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021