Dicionarios audiovisuais de ida e volta

Achegan o galego ao español da latinoamérica, ao wolof, ao fang e ao romanés.

Ilustración no marco do proxecto ‘Dicionarios audiovisuais de ida e volta’, de Agareso

A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) estreou coincidindo co Día Internacional do Migrante os seus Dicionarios audiovisuais de ida e volta. Son seis breves pílulas documentais que percorren camiños compartidos entre Galicia e o resto do mundo, da man de seis migrantes de distintas procedencias -Mame, Brenda, Marcelo, Marisol, Cristina e Aranxa- para coñecer máis dos seus países e das súas linguas.

Camiños migratorios compartidos

Os vídeos, de entre tres e catro minutos de duración, amosan os camiños migratorios compartidos con Venezuela, México, Honduras, Guinea Ecuatorial, Senegal ou Romanía, a partir das historias de persoas que naceron neses países e que agora viven con nós, en Galicia e en galego.

Marisol, Aranxa, Brenda, Marcelo, Mame e Cristina explican a súa cultura a través dunha expresión na súa lingua que consideran clave e, ao tempo, escollen unha expresión galega que lles parece útil para coñecer mellor a nosa sociedade.

Estes Dicionarios de ida e volta conteñen -sobre todo- galego con sotaque latino, africano ou da Europa do Leste, pero tamén achegan a quen os abra ao español da latinoamérica, ao wolof, ao fang e ao romanés. O obxectivo é aprender a apreciar a diversidade e a diferenza, a solidariedade e a importancia da bidireccionalidade nas relacións Norte-Sur, reducindo os estigmas asociados á migración, sempre apoiados polo poder integrador das linguas.

Experiencias tinguidas de palabras

Os vídeos están dispoñibles para o seu libre uso en youtube. Foron realizados pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), co apoio da Mesa pola Normalización Lingüística e co financiamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Fondo de proxectos Xacobeo 2021 de bens e/ou servizos de carácter cultural e turístico en lingua galega no marco de actuación do Plan de reactivación nos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da crise sanitaria provocada pola COVID-19.

Mame chegou a Santiago dende Senegal con 12 anos e conta a súa experiencia migratoria a través dos termos ruliña e teranga, que define a hospitalidade do seu pobo; Brenda marchou da súa pequena aldea de Honduras para axudar a súa familia e agora vive en Doncos, unha aldea de Lugo que lle recorda moito á súa terra e onde conviven as nosas meigas e os seus güirros; Marcelo chegou dende Guinea Ecuatorial á Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense) no ano 1969 e fala de como esta experiencia lle cambiou a vida, da retranca galega e da akomeya fang; Marisol é filla de galegos emigrados a Venezuela e hai algúns anos decidiu utilizar o seu pasaporte español para volver á terra dos seus pais, Ourense, onde agora conxuga a morriña da migrante galega co p’alante da migrante venezolana.

Cristina é profesora de linguas nunha escola de Lugo, cando era unha nena chegou dende Romanía a España coa súa familia e, anos máis tarde, trasladouse a Galicia co seu marido e aprendeu a lingua galega que para ela é como as bolboretas e trata de trasladarlles a omenie romanesa ás súas fillas.

E Aranxa é unha moza mexicana que vive en Santiago dende hai anos un difícil proceso migratorio, defende o valor do noso malo será e preséntanos un concepto fundamental na súa lingua: No mames.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*