Homenaxe musical a 25 anos nas ondas!

A pouco de rematar este ano 2020, Ponte…nas ondas! segue recollendo diversas testemuñas de apoio á súa traxectoria. Escolas, Universidades, asociacións e personalidades de Galicia e Portugal están achegando o seu apoio a Ponte…nas ondas! neste 25 aniversario. Moitos destes apoios forman parte ademais da candidatura coa que, administracións galegas e portuguesas, impulsan a candidatura da asociación para optar á Lista das Mellores Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

Exemplo dos máis recentes apoios recibidos é o videoclip que o grupo vocal Voces del más acá realizou sobre tres temas musicais que Ponte…nas ondas! incluiu nos disco-libros Meninos Cantores ( www.meninoscantores.com ) e Na ponte ( www.naponte.com ): son as pezas Máis perto (composta por Uxía e Segundo Grandío ), Ponte deste lado ( con Guadi Galego e Vozes da rádio ) e A ponte ( do cantante e compositor brasileiro Lenine).

A adaptación realizada por Voces del más acá para esta nova peza, mestura ritmos e sons da lusofonía desde a bossa nova á muiñeira, do portugués de Brasil ao galego e portugués europeo, unha fusión empregando como elemento común o instrumento universal: a voz. A música tende pontes coa experiencia de Ponte…nas ondas! no seu 25 aniversario.

En 2020 continuou o traballo divulgativo nos centros educativos

Malia a conxuntura complexa de 2020 nos centros escolares, que esixiu aprazar os eventos festivos do 25 aniversario do proxecto sociopedagóxico, Ponte… nas Ondas! puido continuar algunhas das súas actividades. Así por exemplo, durante o confinamento nos fogares puxo a disposición dos centros de xeito organizado amplo material didáctico para o uso de xeito interactivo nos computadores.

A difusión do patrimonio inmaterial galego-portugués é unha das liñas clave do traballo de Ponte…nas ondas! favorecendo a súa transmisión ás novas xeracións e a súa posta en valor. Nese sentido, permaneceu aberta a convocatoria da terceira edición do Certame “As imaxes do patrimonio“, que moitos docentes aproveitaron para inserir nas súas propostas didácticas en liña, aproveitando para poñer en valor a colaboración coas familias durante a primavera. O fallo deste Certame dáse a coñecer en Galicia e Portugal coincidindo co Día Internacional do Patrimonio, o 13 de novembro. Esta convocatoria, xunto cos Certames de Recolla do Patrimonio ou as Mostras da Oralidade Galego-Portuguesa, ten sido unha das mellores ferramentas para contribuír a divulgar e a transmitir o patrimonio común ás novas xeracións.

Por outro lado, ao longo deste ano continuaron os obradoiros de radio escolar nos centros educativos para incentivar o uso deste medio nas aulas e a fomentar a aprendizaxe da realización de podcasts por parte do alumnado.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*