Ponte…nas ondas! promove a recuperación e posta en valor das fotografías para que poidan ser usadas no ámbito escolar, pola carga didáctica que atesouran, e para seren coñecidas polo público en xeral e contribuír así ao paso do ámbito analóxico ao entorno dixital. Para esta actividade será imprescindible a colaboración das familias do alumnado e do profesorado, que agradecemos de antemán.
Nesta edición, como novidade,inclúese unha categoría de PODCASTs relacionados coas imaxes do patrimonio.
Transmisión do patrimonio ás novas xeracións
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! ( ONG consultora para o PCI acreditada pola UNESCO ) vén defendendo a recuperación e transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués ás novas xeracións.
O Patrimonio Cultural Inmaterial ( PCI ) é un conxunto inmenso de expresións herdadas do pasado presentes nas vivencias das persoas que se encargaban de transmitilas ás seguintes xeracións. Coa aparición da fotografía, moitas desas expresións pasaron a ter unha realidade física. Desde principios do século XX, moitas foron as imaxes que se tomaron das expresións culturais espalladas ao longo da Eurorrexión Galicia e Norte de Portugal, converténdose nunha valiosa testemuña do patrimonio común galego-portugués.
Para transmitir e divulgar este patrimonio, Ponte…nas ondas! propón incluílo nas programacións educativas e incorporalo á practica diaria nas aulas como xeito de transmisión ás novas xeracións.