Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo

Un documento elaborado polo Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

Preme aquí para descargar a guía.

A Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo está dirixida a toda a comunidade educativa e a través da plataforma de Educación Educonvives calquera centro pode consultala e aplicala.

O obxectivo é abordar a violencia de xénero desde unha perspectiva integral, axudando aos estudantes a detectar e atallar comportamentos de risco neste eido a través dunha serie de orientacións básicas e información precisa sobre os sinais de alarma. Ao mesmo tempo, ofrece pautas de actuación e procedementos de intervención tanto nun primeiro momento como a medio e longo prazo, en coordinación cos servizos e recursos de atención especializada competentes.

Sinais de alarma e esquemas de actuación

A guía contempla catro supostos ou situacións que poderían darse, identificando os sinais de alarma que poden axudar á súa detección. Especifícanse ademais os esquemas de actuación das diferentes pautas de intervención que cada un deles require para abordalos de forma adecuada e eficaz.

A maiores a guía achega recomendacións, facendo fincapé na educación para a igualdade como o recurso máis potente para a prevención deste tipo de violencia, así como estratexias de comunicación para reunións e entrevistas ante posibles casos, tanto coa vítima e a súa familia como co presunto agresor e a súa familia.

Por outra banda, inclúese tamén unha compilación de recursos existentes no eido da loita contra a violencia de xénero, tales como o Teléfono da Muller ou os Centros de Información á Muller (CIM), entre outros.

O documento complétase cunha serie de fichas que permitirán rexistrar a información de cada caso, para a súa remisión a aqueles servizos ou instancias que teñan competencia na súa resolución, co gallo de asegurar a necesaria coordinación institucional entre a administración educativa, sanitaria, sociocomunitaria, policial e xudicial.

A Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo sistematiza, polo tanto, as accións que deben desenvolver os centros de ensino nestes casos, facilitando o traballo do persoal que traballa neles diante destas situacións, así como a súa rápida actuación. Deste xeito, pretende ser unha ferramenta práctica que contribúa á prevención e á erradicación da violencia de xénero desde o sistema educativo. Na elaboración deste documento participaron tres mesas de traballo nas que estaban representadas todas as institucións e entidades que conforman o Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

Alto grao de sensibilización do alumnado fronte ao problema

Durante a presentación do documento en novembro de 2020, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacaron que segundo os últimos datos coñecidos do informe PISA, “os estudantes galegos son os máis informados de España nesta materia” de violencia de xénero, cun 93,6% de alumnos que afirma coñecer o tema e estar familiarizado fronte a esta lacra social.

Neste sentido, PISA sitúa os estudantes galegos tamén como unha referencia no que atinxe ao respecto polas persoas doutras culturas, “unha área na que España é líder a nivel mundial e a nosa Comunidade ocupa o segundo posto dentro de España”. Uns datos que, resumiu Román Rodríguez, “demostran que o sistema educativo galego non só forma bos profesionais, senón tamén boas persoas”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*