As familias poden gozar da escolma de curtas de Pequefilmes desde as súas casas, accedendo a través da plataforma tv.festhome.com
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os máis pequenos e pequenas cunha nova edición do festival infantil de curtametraxes
Pequefilmes inclúe catro xornadas de proxeccións na Cidade da Cultura de Galicia, podendo verse tamén, por vez primeira, a través da rede. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou no Gaiás a programación e novidades desta quinta edición de Pequefilmes, acompañada do director do festival, Jorge Rivero, e do director da Agadic, Jacobo Sutil. As xornadas teñen lugar os días 23, 24, 30 e 31 de xaneiro.
Medio cento de proxectos seleccionados
A responsable da Fundación Cidade da Cultura destacou a “coidada programación dun festival que, con 49 curtas seleccionadas procedentes de 18 países, se consolida ano a ano como unha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais internacionais de gran calidade que adoitan quedar fóra do seu alcance ao non atopárense nos circuítos de exhibición convencionais”.
Precisamente, engadiu, “un total de 14 das curtas escollidas estréanse por vez primeira en España en Pequefilmes, mentres que a case totalidade do programa nunca pasara antes polas salas de proxección galegas”. Deste xeito o festival, como evento para a exhibición de curtametraxes infantís, procura tamén estimular a produción deste tipo de obras, ofrecendo un espazo para achegalas ao público.
Traballos premiados nos festivais máis importantes
Entre as curtas escollidas atópanse obras seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo, destacando o caso de Blue & Malone: Casos imposibles, candidata ao Goya á mellor curta de animación. A peza dirixida por Abraham López foi tamén premiada en varios festivais internacionais, como o Something Wicked Film Festival (Lawrenceville, Georgia, EE.UU.) ou o MM Fest (Serbia).
Outras dúas curtas españolas que se poderán ver no festival, Paraguas e Souvenir, atópanse pola súa banda seleccionadas dentro da Competición Internacional Públicos Mozos do festival Clermont-Ferrand. As dúas cineastas que asinan a curta Souvenir –Cristina Vilches e Paloma Canónica– formáronse en Galicia, no Máster en libro ilustrado e animación audiovisual da Universidade de Vigo. O programa inclúe tamén a estrea da curta galega Night Keeper, peza de animación de Cynthia González e Daiana Tito, producida pola Escola de Imaxe e Son de Vigo.
Curtas como Blanket, de Marina Moshkova (Rusia); Das beste Orchester der Welt, de Henning Backhaus (Austria); El Pájarocubo, de Jorge Alberto Vega Rivera (Colombia); Me a monster?, de Belinda Bonan (España); ou Migrants, de Hugo Caby, Antoine Dupriez, Lucas Lermytte e Zoé Devise (Francia), foron tamén premiados e seleccionados nos mellores festivais de cine infantil e de animación do mundo, como os Premios Max Ophüls, os Premios Quirino de Animación Iberoamericana, o Florida Animation Festival, o Animation Friendly Festival (Eslovenia), o International Children’s Film Festival of Jaipur, o BuSho – Budapest International Short Film Festival, ou o Rüsselsheimer Filmtage.