Emisión en liña para alumnado da ESO e Bacharelato da obra “O charco de Ulises”


A última produción do Centro Dramático Galego (CDG) chegará ao estudantado a través de internet.

O CDG emitirá unha versión especial do espectáculo para adaptarse á organización dos centros de ensino e á linguaxe audiovisual. A exhibición en liña completarase cun coloquio no que participarán membros do equipo artístico e unha mostra do proceso de creación do espectáculo. Trátase, deste xeito, de motivar os máis novos a asistir ás funcións de O charco de Ulises que percorrerá Galicia na xira prevista para finais deste ano 2021 e coa que poderán gozar en vivo da representación nos escenarios.

Con esta actividade, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca promover a máxima interacción entre a realidade educativa e a das artes escénicas. Neste sentido, cómpre salientar que a Xunta está a desenvolver tamén o programa de visitas en liña para centros educativos Os segredos do Salón Teatro, no que o director do CDG, Fran Núñez, guía os participantes polas instalacións do edificio da súa sede escénica cunha explicación dos diferentes oficios que conflúen para facer posible cada representación.

Coincidindo co Día Internacional do Teatro

A emisión da obra O charco de Ulises aos centros educativos coincidirá coa conmemoración do Día Internacional do Teatro. A través dunha conexión que se facilitará xunto co convite, o alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato poderá gozar así da adaptación do clásico grego dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso que foi estreada pola compañía pública o pasado xaneiro.

A iniciativa enmárcase na aposta que está a facer o Goberno autonómico para achegarlle o teatro ao estudantado galego, ante as restricións de mobilidade e a suspensión das exhibicións por mor da covid-19.

O clásico homérico e a emigración galega

O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*