21 días co galego e +, terceira edición!

Coa finalidade de promover o uso do galego oral entre a xente nova, bota a andar a terceira edición de 21 días co galego e +, un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Os rapazas e rapazas da ESO, de bacharelato e de FP, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, comprométense a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, desde o 22 de febreiro ao 14 de marzo de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa o profesorado e os membros do persoal de administración e servizos.

Este programa de dinamización lingüística nace para que a xente nova fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. Alén diso, preténdese que a mocidade analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa propia de Galicia, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.

A singularidade de 21 días co galego e + reside na vontade de implicar por completo as rapazas e os rapaces, durante un tempo determinado, na procura de que o galego sexa a súa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e en levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do estudo máis académico da lingua.

Ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia que se desenvolveu desde o ano 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da SXPL. Desde o 2019 foi asumido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas. En 2020, o programa continuou a súa expansión e abrangue dez centros de toda Galicia.

Blog do Programa 21 días co galego e +

Novidades

– O programa adáptase ás novas situacións sanitarias e organizativas dos centros para seguir dinamizando a lingua malia as normas de afastamento social. As denominadas normas COVID-19 de aplicación en todos os centros educativos galegos imposibilitan a práctica totalidade das actividades dinamizadoras que se levaran a cabo dentro do programa nas pasadas edicións. Grazas ao importante labor do profesorado participante, reformúlanse as actividades e 21 días co galego e + continúa.

– Na súa aposta por medrar dinamizando, o programa esténdese de maneira piloto á etapa de Primaria no CPR A Inmaculada de Lugo coa participación de alumnado de 3.º 4.º 5.º e 6.º de Primaria.

– Incorpóranse tres colaboracións externas:

– O programa Galicia por Diante da Radio Galega, onde 21 días co galego e + terá unha sección diaria ao longo do seu desenvolvemento na que os centros lle contarán á audiencia os temas que desenvolveron e como está a ser a súa participación.

– O programa Dígocho eu! da TVG, que emitirá encontros coas persoas responsables nos dez centros educativos participantes. Pola súa banda, o alumnado realizará vídeos propios co formato de seu do Dígocho eu!

– O Foro Peinador achegaralle o mundo da empresa en galego aos centros educativos para poñer en valor a importancia do ámbito laboral tamén no desenvolvemento cultural da sociedade.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*