“Quero cantar”: edición especial coa participación de Sés, Ugia ou Paco Cerdeira entre outros

Arquivo: Presentación de clip do Quero Cantar, en Caión

Quinta edición do Certame musical da Deputación da Coruña.

O Quero Cantar (www.querocantar.gal) regresa despois de que a pandemia impedira que o pasado ano se celebrase cunhas bases distintas que se adaptan de maneira especial á actual situación. Será a quinta unha edición especial marcada aínda polas condicionantes que impón a covid-19 na que, despois de estudar as propostas para unha maior seguridade, se optou por convocar unicamente a modalidade xuvenil. Ademais, o desenvolvemento habitual do certame vese simplificado a unha soa fase e non se vai celebrar a gala final que cada ano colgaba o cartel de non hai entradas no Teatro Colón.

“Consideramos que esta nova fórmula é máis acaída para a situación que estamos a vivir e garante a seguridade das rapazas e rapaces participantes. Quixemos darlle unha volta e que se achegase ao mundo da música profeional, a figuras do panorama actual galego coas que poderán traballar e aprender todas as prácticas do oficio”, sinala o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

“Experiencia especial e única”

Pola súa banda, o coordinador do premio, Tono Formoso, apunta que esta será “unha edición moi especial que permitirá a nenos e nenas dos grupos gañadores ter unha experiencia única achegándose a artistas que coñecen e admiran e de quen poderán aprender e partillar unhas xornadas que, sen dúbida, serán un agasallo neste tempo tan complexo”.

Nesta edicións, serán dúas as propostas seleccionadas que recibirán como premios, ademais da gravación dun videoclip, como xa viña sendo tradicional, incluirá a participación nun programa formativo, composto por diferentes accións, entre as que destaca a titorización por parte dun ou dunha artista de recoñecida traxectoria na música galega. Nesta primeira convocatoria con programa formativo artistas como Sés, Ugia, Paco Cerdeira, Belem Tajes ou Xosé Lois Romero confirmaron a súa participación para titorizar os grupos que pasen a selección do xurado.

A titorización constará dun primeiro período de formación en liña, no que a persoa escollida deberá guiar o grupo no desenvolvemento dunha nova canción e transmitiralle tamén a súa experiencia no mundo da música profesional. O proceso culminará cunha de fin de semana na que o grupo e a propia persoa titora gravarán a canción nun estudio profesional.

Ademais, o programa esténdese tamén a grupos de edicións anteriores que xa están a piques de comezar a súa formación. Os grupos participantes e as persoas que van realizar a titorización van ser “Os nenos da Vella” con Belem Tajes, “Quenindiole” con Xosé Lois Romero, “Máis Boas cás Patacas” con Sés, “Noa” con Ugía e “Pequenos Besbellos” con Paco Cerdeira.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*