“Sementeira de esperanza”: A escola inaugura a Primavera das Letras de Xela Arias


O CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) acolleu a presentación do proxecto da Real Academia Galega.

“Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa”, expresou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. “Nesta ocasión a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa, toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza”, engadiu.

A escritora e académica Fina Casalderrey explicou que a sexta edición deste proxecto Primavera das Letras (www.primaveradasletras.gal) arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey.

O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria. A académica expresou a súa satisfacción polo incremento paulatino de participantes en cada edición, mostrou o seu desexo de que esta progresión continúe e animou a todos os colexios a compartir a través deste certame as homenaxes e os traballos que lle dediquen a Xela Arias.

Recordos da infancia de Xela

O CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) foi precisamente o colexio onde a autora homenaxeada estudou a partir dos sete anos. E a celebración deste martes 2 de marzo de 2021 contou con Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns.

“Temos moi bos recordos neste colexio, onde pasamos a infancia. Da nenez sempre hai boas lembranzas, pero é que ademais este colexio é moi bonito, está en Vigo pero nunha zona aberta, no medio da natureza”, gabou.

Homenaxe da escola á autora

A inauguración de Primavera das Letras contou coa colaboración dunha representación de alumnas e alumnos do colexio, que representaron distintos momentos vitais de Xela Arias e lles puxeron voz a varios dos seus poemas. Parte deles pertencen a Darío a diario, o libro que a poeta dedicou ao seu fillo. Hoxe Darío Gil Arias pon en valor no marco deste proxecto o labor da súa nai como profesora e tradutora, dous perfís menos coñecidos que a súa faceta como poeta, pero tamén moi importantes para o futuro do idioma, expón no vídeo de presentación de Primavera das Letras. “Son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces e, deste xeito, non só non se perda senón que se comece a recuperar, como estamos a ver agora cos neofalantes”, reflexiona.

O colexio recordará tamén en diante para sempre que Xela Arias foi parte del, como sinala a placa que se descubriu no patio momentos antes de comezar a presentación de Primavera das Letras. “No CEIP Sárdoma-Moledo estamos moi orgullosos de que Xela Arias sexa a persoa homenaxeada das Letras Galegas 2021. O seu pai, Valentín Arias, tamén foi mestre da nosa escola durante moitos anos polo que estamos dobremente contentos”, expresou a directora do colexio, Pilar Vila Nieto. “Ambos os dous fixeron unha firme defensa da escola pública, da igualdade, do respecto polo medio ambiente e do noso idioma. Estamos seguros de que os nenos e nenas que hoxe temos nas nosas aulas tamén serán persoas que loiten, cada unha á súa maneira, por facer un mundo mellor”, concluíu.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*