O Parlamento galego aproba por unanimidade a Iniciativa Xabarín


Nas vésperas do 17 de Maio, o Parlamento galego dá un paso fundamental para garantirmos o acceso a contidos audiovisuais en galego para todos os públicos e, nomeadamente, para o infantil e xuvenil, ao aprobar por unanimidade a Iniciativa popular Xabarín, impulsada pola Mesa e respaldada por máis de 33.000 persoas. O enorme apoio popular recibido pola iniciativa demostrou que existe unha grande demanda dunha canle temática para a mocidade e a infancia na TVG, así como de contidos en galego nas plataformas dixitais, onde só se poden ver en galego 25 series e filmes dos máis de 25.000 títulos dispoñíbeis, e na propia Televisión pública estatal, que só emite na nosa lingua 39 minutos de 120 horas.

O acordo deste mércores 12 de maio de 2021, aprobado por unanimidade dos partidos políticos presentes na cámara galega, contempla a creación dunha canle Xabarín da TVG que emitirá para fibra óptica, adsl, satélite e telefonía móbil, mais tamén se reclama do goberno español accións para garantir tanto en TVE como nas plataformas, a dobraxe, lendaxe e audiodescricións en galego así como financiamento para as producións na nosa lingua dentro da Lei Xeral do Audiovisual que será debatida nos próximos meses. Isto converte o Parlamento galego no primeiro que se manifesta sobre esta cuestión. Entrementres, a iniciativa insta a chegar a acordos con operadoras e plataformas para a dobraxe e lexendaxe das súas emisións así como a posibilidade de reciprocidade na visualización con Portugal.

Éxito colectivo da sociedade

A Mesa valora a aprobación como un éxito colectivo da sociedade galega. Centos de persoas voluntarias da Mesa pola Normalización Lingüística, centos de estabelecementos nas difíciles condicións impostas pola pandemia e, especialmente, as miles de asinantes, lograron o primeiro grande acordo arredor da lingua galega dos últimos 12 anos. Todos os avances para o noso idioma viñeron acompañados de mobilización e activismo.

A unanimidade parlamentar foi resultado desta mobilización e demostra que os avances a favor do galego son posíbeis sempre que houber vontade. Se esta vontade de eliminar as exclusión ao galego, de restaurar todos os espazos para o seu uso e iniciar un verdadeiro proceso de normalización se estender a todos os ámbitos, será posíbel inverter a tendencia negativa da lingua galega. A Mesa seguirá centrando todos os seus esforzos en conseguilo.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*