A túa comida ten algo que dicirche


• Esta iniciativa online lánzase o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) para lembrar que o desperdicio alimentario, ademais de traer consigo un negativo impacto a nivel económico e social, tamén supón un grave impacto ambiental

• Un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano desperdícianse; esta porcentaxe tradúcese, no caso de España, en 7,7 millóns de toneladas, posicionándose como o sétimo país da UE que máis comida refuga, correspondendo o 42% aos propios fogares.

• A campaña está conformada por unha serie de pezas divulgativas a través das cales se pretende dar a coñecer esta problemática aos cidadáns, sensibilizalos para poder atallala e alentalos a que articulen os mecanismos necesarios para diminuír a cantidade de comida que cada día acaba no cubo do lixo.

A iniciativa está promovida por Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, lanza, no marco do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), baixo o lema “A túa comida ten algo que dicirche”, e ten por obxecto contribuír a reducir o desperdicio alimentario.

“A túa comida ten algo que dicirche” é unha campaña que está conformada por unha serie de pezas divulgativas a través das cales se pretende dar a coñecer esta problemática aos cidadáns, sensibilizalos para poder atallala e alentalos a que articulen os mecanismos necesarios para diminuír a cantidade de comida que cada día acaba no cubo do lixo.

Con tal fin, deuse voz aos propios alimentos a través da personificación dos mesmos, sendo os verdadeiros protagonistas desta iniciativa. Falan, maniféstanse e defenden os seus dereitos para ser aproveitados e reutilizados, xa que ningún quere ser refugado.

Ligazón campaña: http://www.sogama.gal/a_tua_comida_ten_algo_que_dicirche/

EXEMPLOS DE BOAS PRÁCTICAS

• Non compres por impulsos. Planifica o teu menú semanal antes de ir á compra e adquire só os produtos necesarios para preparalo.

• Comproba con frecuencia o contido do frigorífico e da despensa. Reorganiza os alimentos para consumir antes os que van caducar ou a estragarse en breve.

• Identifica e distingue a data de caducidade (a partir da cal o alimento pode supoñer un risco para a nosa saúde) da data de consumo preferente (o alimento perde cualidades, pero non supón unha ameaza).

• Dá preferencia aos produtos frescos e de proximidade. Así contribuirás a reducir a pegada ambiental.

• As promocións, packs e agasallos poden facerche comprar artigos innecesarios ou cantidades excesivas.

• Compara o prezo por unidade, litro ou peso dos produtos, non o que indica a etiqueta.

• Non vaias con fame a facer a compra, xa que che pode levar a tomar decisións impulsivas e non baseadas nas túas necesidades.

• Non escollas os produtos frescos baseándote na súa aparencia estética. Selecciónaos seguindo o calendario de produtos de tempada e a súa proximidade.

• Comprar en comercio local garante un trato moito máis próximo, o impulso da economía da nosa contorna e o consello persoal do profesional no punto de venda.

• Axusta as racións ao número de comensais e, se sobra comida que non vas poder consumir, repártea entre os invitados.

• Conxela os alimentos antes de que se estraguen e aproveita os sobrantes para elaborar novas receitas.

• Se vas a un restaurante, pide a comida que sobre para levar a casa.

• Se dispós de horta ou xardín, os restos orgánicos non comestibles poden transformarse en abono natural con extraordinarias propiedades para o solo.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*