Xeración Restauración: Reimaxina, recrea, restaura

Día Mundial do Medio Ambiente 2021.

Durante demasiado tempo estivemos explotando e destruíndo os ecosistemas do noso planeta. Cada tres segundos, o mundo perde unha superficie de bosque equivalente a un campo de fútbol e, tan só no último século, destruímos a metade dos nosos humidais. O 50% dos nosos arrecifes de coral xa se perderon e para 2050, poderían desaparecer ata o 90%, mesmo se o quecemento global se limitase a un aumento de 1,5° C.

A perda dos ecosistemas está a privar ao mundo de sumidoiros de carbono, como os bosques e as turbeiras, nun momento en que a humanidade xa non pode permitirlo. As emisións globais de gases de efecto invernadoiro aumentaron durante tres anos consecutivos e o planeta está a un paso dun cambio climático potencialmente catastrófico.

A aparición da COVID-19 tamén demostrou o desastrosas que poden ser as consecuencias da perda de ecosistemas. Ao reducir a área de hábitat natural para os animais, creamos as condicións ideais para que os patóxenos, incluídos os coronavirus, se propaguen.

Ante este gran problema, Nacións Unidas propón en 2021 que o Día Mundial do Medio Ambiente se centre na restauración de ecosistemas co lema “Reimaxina, recrea, restaura”.

Restaurar os ecosistemas significa previr, deter e reverter este dano, pasar de explotar a natureza a curala. Para iso, e precisamente neste día, arrincará o Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración de Ecosistemas (2021-2030), unha misión global para revivir miles de millóns de hectáreas, desde bosques ata terras de cultivo, desde a cima das montañas ata as profundidades do mar. Só con ecosistemas saudables podemos mellorar os medios de vida das persoas, contrarrestar o cambio climático e deter o colapso da biodiversidade.

Investir nos ecosistemas é investir no noso futuro

O Día Mundial do Medio Ambiente 2021, que este ano conta con Paquistán como país anfitrión, esixe accións urxentes para devolverlle a vida aos nosos ecosistemas danados.

Desde os bosques ata as turbeiras e as costas, todos dependemos de ecosistemas saudables para a nosa supervivencia. Os ecosistemas defínense como a interacción entre os organismos vivos (plantas, animais, persoas) e a súa contorna. Isto inclúe á natureza, pero tamén aos sistemas creados polo home, como as cidades ou as terras de cultivo.

A restauración dos ecosistemas é unha tarefa global dunha escala xigantesca. Significa reparar miles de millóns de hectáreas de terra, unha área maior que China ou Estados Unidos, para que a xente teña acceso a alimentos, auga potable e empregos.

Significa lograr que volvan plantas e animais que hoxe están ao bordo da extinción, desde as cimas das montañas ata as profundidades do mar.

Pero tamén inclúe as moitas pequenas accións que todos podemos realizar, todos os días: cultivar árbores, reverdecer as nosas cidades, repoboar os nosos xardíns con especies silvestres ou limpar o lixo dos ríos e costas.

A restauración dos ecosistemas conleva beneficios substanciais para as persoas. Por cada dólar investido en restauración, pódense esperar polo menos entre sete e trinta dólares en ganancias para a sociedade. A restauración tamén crea empregos nas zonas rurais, onde máis se necesitan.

Algúns países xa investiron na restauración como parte das súas estratexias para recuperarse da COVID-19. Outros están a recorrer á restauración para axudalos a adaptarse a un clima que xa está a cambiar.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*