“Caderno Verde” posiciónase como recurso pedagóxico de referencia na educación ambiental escolar


A plataforma educativa de Sogama www.cadernoverde.gal posiciónase como recurso pedagóxico de referencia na educación ambiental, tanto durante o curso académico como en período vacacional, con 208.095 visitas e 1.257.516 páxinas vistas acumuladas.

O número de visitas a este sitio web crece exponencialmente ano tras ano. Mentres que en 2019 recibiu 28.588 visitas, con 190.641 páxinas vistas, en 2020 subiu a 34.333 visitas, con 224.209 páxinas vistas.

A través de Caderno Verde, o alumnado ten a oportunidade de traballar nas distintas disciplinas que conforman o currículum, pero desde unha perspectiva ambiental. Para isto póñense á súa disposición completas unidades didácticas (en galego, castelán e inglés) nas que a correcta xestión dos residuos urbanos cobra especial relevancia, sen esquecer outras cuestións tales como a mobilidade sostible, a protección da natureza e dos ecosistemas, o papel das enerxías renovables, o aforro enerxético, a contaminación do aire, etc.

As explicacións de cada temática, a cargo dos Amigos de Vilaverde, compleméntanse con actividades nas que os escolares poñen a proba o apreso, un labor amenizado tamén cos Ecocontos protagonizados pola Familia Trebón.

Os alumnos de Educación Infantil e Primaria (1º, 2º e 3º ciclo) constitúen o público obxectivo deste sitio web, definido por tres atributos esenciais: a aprendizaxe, o xogo e o entretemento. A pretensión última é que o medio ambiente, lonxe de ser unha materia de estudo independente, estea presente en todas as ordes da vida.

No caso concreto dos residuos, préstase especial atención ás boas prácticas, individuais e colectivas, na súa xestión, primando o consumo responsable e a prevención, así como a redución da produción de lixo, a reutilización dos artigos co fin de alongar a súa vida útil, e a reciclaxe, transformándoos en novos produtos, un proceso que permite aforrar enerxía e materias primas virxes.

Sogama está convencida de que a educación ambiental dos máis novos significa investir nun futuro verde, sostible e circular, dando paso a adultos comprometidos coa contorna, responsables e consecuentes coas súas accións.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*