PictoEduca achega novidades para o curso 2021-2022


O portal ofrece agora un novo apartado “Adapta”, froito, en parte, das necesidades específicas identificadas por mor da pandemia pola COVID-19.

A publicación en PictoEduca do novo apartado “Adapta” ofrece todo o contido curricular das materias de 1º de primaria da comunidade autónoma galega a través de actividades intelixibles e de fácil comprensión elaboradas por un equipo de docentes expertos na intervención en alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo.

Preséntanse máis de 90 leccións adaptadas e clasificadas por materias de todo o contido do currículo educativo de 1º de primaria de Galicia, a través de proxectos, propostas de actividades, actividades de reforzo e xogos pedagóxicos. En cada lección introdúcese unha explicación do seu contido curricular, o material que debe usarse e o apoio visual preciso para o alumnado.

As materias nas que están clasificadas as leccións son: as Ciencias Naturais; as Ciencias Sociais; Educación Física, Musical e Plástica; Lingua Galega; Lingua Inglesa; Lingua Castelá e Literatura; Matemáticas e os Valores Sociais e Cívicos.

Con este portal, descargable, gratuíto e adaptado a nenos e nenas neurodiversos, cada docente poderá crear a súa propia unidade didáctica axeitándoa ás necesidades do seu alumnado guiándose polo currículo da súa propia comunidade autónoma.

Mediante as novas funcionalidades técnicas que tamén se presentan, os nenos e adultos con diversidade funcional poderán visualizar as leccións no modo “sen distraccións”, facilitando a atención ao contido. Os creadores das leccións poderán gravalas coa súa propia voz, ordenar os bloques de información como desexen e exportar e importar as súas leccións desde Pictoeduca, visualizándoas noutras apps sen necesidade de saíren desta.

https://www.pictoeduca.com/

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*