XIII Premios Educacompostela

Os galardóns establecen premios en metálico por valor de 2.700 euros para os mellores materiais didácticos presentados.

Un ano máis, a asociación Nova Escola Galega e o Concello de Santiago de Compostela poñen en marcha os premios Educacompostela. Uns galardóns que chegan neste 2021 á súa XIII edición, e que teñen por obxecto recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que, polo seu valor e interese, poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Ao certame poden presentarse materiais didácticos de calquera temática relacionada co currículo dos diferentes niveis de ensino. As propostas deben cumprir os requisitos de seren orixinais, inéditas e estaren redactadas en lingua galega. De entre todas elas, o xurado seleccionará as tres mellores, que recibirán premios en metálico por importe de 1.200 euros (1o premio), 900 euros (2o premio) e 600 euros (3o premio).

Na anterior convocatoria dos Premios Educacompostela presentáronse un total de 17 proxectos relacionados coa innovación educativa, recaendo o máximo galardón no traballo sobre o uso da cianotipia desenvolvido polo Centro de Educación Especial Manuel López Navalón, de Santiago de Compostela.

As persoas, institucións ou colectivos interesados en participaren desta XIII Edición dos Premios Educacompostela deben remitir os seus traballos ao Departamento de Educación do Concello de Santiago antes do vindeiro 8 de outubro. As bases completas da convocatoria poden consultarse aquí.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*