Escolas galegas e portuguesas reúnen centos de estampas do patrimonio

• Aulas dos concellos de Laza, Ames, Pontevedra, Mondoñedo, As Neves, Bueu, Zas e San Cristovo de Cea, en Galicia, ou de Paredes e Barcelos, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
• Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron na recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culminará co outorgamento dos premios este 16 de novembro no Día Internacional do Patrimonio Mundial
• As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués

Alumnado de hai medio século danzando no patio da escola ao xeito que hoxe en día só se ve en eventos folclóricos, a foto dun tataravó facendo o servizo militar en Melilla a quen o azar salvou en 1909 da célebre morte de soldados no Barranco do Lobo, soldados portugueses miñotos partindo cara ás guerras coloniais, a primeira imaxe dun represaliado do franquismo ao cruzar os Pirineos antes de ser detido e levado ao campo de refuxiados de Argelès-sur-Mer ou a foto do primeiro autobús que chegou a Mondoñedo.

Velaí algunhas das magníficas estampas e as grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas no IV Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte… nas Ondas!

O xurado integrárono Anxo Cabada, profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga e, Xerardo Feijoo, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

Está previsto que os premios poidan entregarse ao alumnado gañador coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial.

Acceso ás imaxes premiadas: http://pontenasondas.org/iv-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/

Traballando co patrimonio inmaterial nas aulas

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, con longa traxectoria de 25 anos na promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, fai balance así dunha iniciativa que parte da idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras. Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental.

Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.

IV Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”

FALLO DO XURADO

Reunidos Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! actuando como secretario con voz e sen voto, constitúense como Xurado do 4º Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” e

ACORDAN

1º.-Agradecer aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación neste 4º Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! co que se pretende, como obxectivo preferente, descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural, para o que propuxemos que á iniciativa dos centros escolares os alumnos e alumnas buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que conteñan elementos dese patrimonio que queremos dar a coñecer. Nas bases e como complemento desta busca solicitabamos que se completara a participación no certame coa inclusión dun texto explicativo da imaxe.

2º.-O Xurado valorou a gran calidade da maioría dos traballos presentados a concurso e o esforzo mostrado na elaboración do texto que acompaña a cada unha das fotografías polo que propón á entidade que convoca o certame que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.

3º.-Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame.

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: Rafaela Gomes Teles
Escola Básica e Secundária de Sobreira. Portugal

2º Premio: Elián González Martínez
CEIP O Castiñeiro – Laza (Ourense)

3º Premio: Inês Fernandes
Agrupamento de Escolas vale do Tamel (Barcelos)

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

1º Premio: Daniel Campos Pauzat
IES Plurilingüe de Ames

2º Premio : Aldo Tartaglione Costa
IES Antón Alonso Ríos

3º Premio: Aroa Arias
IES San Rosendo de Mondoñedo

Accesits: Icía Fernández Ferreiro
IESP de Ames

Sofía Álvarez Sánchez
IES Marquesa do Pazo da Mercé

CERTAME DE PODCAST

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

Uxía Guimeráns López
CEIP Plurilingüe da Torre Cela (Bueu)

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

Nayara Campo Rego
IES San Rosendo de Mondoñedo

ACCESIT
Alejandra Sambade Souto
Escola: IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas)

Premio Especial do Xurado

O xurado acorda por unanimidade e fora de todas as categorías conceder unha mención ao CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea) que, no marco do traballo do Prácticum II do Grao de Mestra de Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela co mestre Pablo Nogueira, o alumnado de 6º desenvolveu un proxecto no eido da Educación Patrimonial e traballou a partir da idea “Patrimonios en conflito” que tivo como consecuencia a creación de vínculos patrimoniais con elementos da contorna e a súa intervención social. Este traballo cristalizou na realización dun vídeo, podcast e unha páxina web onde se desenvolve e explica todo o traballo.

Aquí poden verse todas as fotos gañadoras desta IV Edición:
http://pontenasondas.org/iv-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/

Edicións anteriores

Aquí as gañadoras da I, II e III edición (tamén o acceso ao arquivo completo das imaxes participantes nas edicións anteriores)
http://pontenasondas.org/iii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-xa-temos-ganadoras/

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*