Ponte…nas ondas! entrega os premios da IV Edición do Certame “As imaxes do patrimonio”

• Aulas dos concellos de Paredes e Barcelos, en Portugal e de Laza, As Neves, Ames, Tomiño, Mondoñedo, Bueu, Zas e San Cristovo de Cea, en Galicia, resultaron gañadoras do concurso
• Escolas de toda Galicia e do Norte de Portugal participaron na recollida de imaxes significativas do patrimonio inmaterial
• As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués

O Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares en Vigo acollerá este martes 16 de novembro, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio, o acto de entrega de premios do 4º Certame “As imaxes do patrimonio” Inmaterial Galego-Portugués.

Será nun evento conducido por alumnado das propias escolas participantes, que estará aos micrófonos da emisora anfitrioa, Radio Piratona, que emite desde hai máis de trinta anos en colaboración coa Comunidade de Montes de Valadares e o Centro Veciñal e Cultural de Valadares. Durante o acto, o alumnado premiado fará lectura dos textos explicativos das imaxes galardoadas (Textos que poden atoparse aquí: http://pontenasondas.org/iv-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras/ ).

Presentación do libro dixital “Memoria e patrimonio”

No acto tamén será presentado un proxecto que está realizándose a partir das imaxes gañadoras do Certame, unha publicación dixital que engade ás imaxes e aos textos premiados, unha interpretación en banda deseñada a cargo do ilustrador Andrés Meixide, un audio interpretado por Damián Alonso e actividades interactivas deseñadas para realizar por todo tipo de público.

A festa concluirá cunha actuación de Cé Orquestra Pantasma.

Estampas da memoria

A foto dun tataravó facendo o servizo militar en Melilla a quen o azar salvou en 1909 da célebre morte de soldados no Barranco do Lobo; alumnado de hai medio século danzando no patio da escola ao xeito que hoxe en día só se ve en eventos folclóricos; soldados portugueses miñotos partindo cara ás guerras coloniais; a primeira imaxe dun represaliado do franquismo ao cruzar os Pirineos antes de ser detido e levado ao campo de refuxiados de Argelès-sur-Mer ou a foto do primeiro autobús que chegou a Mondoñedo… Son algunhas das escenas que podemos ver nas fotografías premiadas no IV Certame de Fotografía “As imaxes do patrimonio” convocado durante o pasado curso escolar pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!

O xurado destacou a gran calidade das imaxes recibidas, así como tamén dos textos que acompañaban as fotografías con referencias explicativas. En total premiáronse once imaxes nas categorías de ensino primario e secundario, sobre un total de case medio milleiro de imaxes recibidas a concurso. Formaron este xurado Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. Xurado e asociación agradécenlle aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación nesta cuarta edición do certame.

As imaxes galardoadas

Era obxectivo prioritario da convocatoria axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural Común. Con esa finalidade, propúxoselles que buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.

Premio de podcasts

Como novidade, nesta 4ª edición incluíuse por vez primeira a convocatoria dun apartado para a creación de podcasts sobre as imaxes. Unha forma de participar na que o alumnado tiña a oportunidade de preguntarlles ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza, etc. sobre as instantáneas e o seu contexto. Unha peza sobre a presentación dos Maios en Marín e outra sobre unha romaría en Mondoñedo e a importancia do gando, foron as vencedoras neste apartado creativo, onde tamén se outorgou un accésit a outro traballo radiofónico sobre o traballo das mulleres na emigración suíza.

Premio Especial do Xurado

O xurado acordou por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder unha mención ao CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea) que, no marco do traballo do Prácticum II do Grao de Mestrado de Educación Primaria da Universidade de Santiago de Compostela, co mestre Pablo Nogueira, o alumnado de 6º desenvolveu un proxecto no eido da Educación Patrimonial e traballou a partir da idea “Patrimonios en conflito” que tivo como consecuencia a creación de vínculos patrimoniais con elementos da contorna e a súa intervención social. Este traballo cristalizou na realización dun vídeo, podcast e unha páxina web onde se desenvolve e explica todo o traballo.

A lista de gañadoras é a seguinte:

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico

1º Premio: Rafaela Gomes Teles
Escola Básica e Secundária de Sobreira. Portugal

2º Premio: Elián González Martínez
CEIP O Castiñeiro – Laza (Ourense)

3º Premio: Inês Fernandes
Agrupamento de Escolas Vale do Tamel (Barcelos)

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario

1º Premio: Daniel Campos Pauzat
IES Plurilingüe de Ames

2º Premio : Aldo Tartaglione Costa
IES Antón Alonso Ríos de Tomiño

3º Premio: Aroa Arias
IES San Rosendo de Mondoñedo

Accesits: Icía Fernández Ferreiro
IESP de Ames

Sofía Álvarez Sánchez
IES Marquesa do Pazo da Mercé

CERTAME DE PODCASTS

Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
Uxía Guimeráns López
CEIP Plurilingüe da Torre Cela (Bueu)

Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
Nayara Campo Rego
IES San Rosendo de Mondoñedo

ACCESIT
Alejandra Sambade Souto
Escola: IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas)

As imaxes gañadoras e participantes poden visualizarse ao completo desde esta ligazón:
http://escolasnasondas.com/concurso-de-recolha-2021-v2/
Aquí está toda a información sobre os catro certames realizados:
http://escolasnasondas.com/certames-de-recolla-das-imaxes-e-podcasts-do-patrimonio-inmaterial-galego-portugues/

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*