A Real Academia Galega inicia con Primavera das Letras o ano de Florencio Delgado Gurriarán

No colexio de Vilamartín de Valdeorras, o concello da comarca de Valdeorras onde naceu o autor.

Alumnado do CEIP Xosé Manuel Folla Respino / Foto: RAG

A Real Academia Galega presentou no CEIP Xosé Manuel Folla Respino, da man da súa comunidade educativa, unha nova andaina dun proxecto posto en marcha en 2016 para achegar a figura homenaxeada cada 17 de maio aos nenos e nenas de infantil e primaria.

Ledicia Costas asina a biografía do poeta valdeorrés xa dispoñible na páxina web primaveradasletras.gal, á que lle pon cor coas súas creacións a ilustradora Blanca Millán.

“Estas son as primeiras Letras Galegas”, explicou Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, “nas que a Academia mira cara a unha parte moi concreta desa historia recente, a do exilio mexicano, onde Florencio Delgado Gurriarán e outras personalidades da diáspora mantiveron viva a lingua e a cultura galega con iniciativas como a revista Vieiros”. Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta e creadora da serie Os minimortos, achega episodios coma este ao público infantil nun relato biográfico, presentado en catro fichas descargables.

“Oxalá que, ao coñecer a súa figura, todos os nenos e nenas de Galicia acaben poñendo tamén en papeliños, como facía Florencio Delgado Gurriarán, Quérote, Galicia, e se convertan nunha especie de robinsons da nosa lingua, e que xuntos fagan que o galego continúe durante moitas primaveras máis, como quería Cunqueiro e como queremos todos nós”, expresou a académica Fina Casalderrey.