Iniciativa dos IES Rego de Trabe e IES Blanco Amor de Culleredo.
● Alumnado da ESO e do Bacharelato dos dous institutos de ensino secundario de Culleredo, o IES Eduardo Blanco Amor e o IES Rego de Trabe, participan simultaneamente no #Desafío72h, o reto de falar en galego durante tres días.
● Un total de case 400 alumnas e alumnos de entre 12 e 18 anos decidiron, voluntariamente, participar a través da sinatura dun contrato de compromiso lingüístico, onde tiñan que elixir entre dous niveis: falar galego durante tres días no instituto ou falar galego durante tres días tanto dentro como fóra do instituto. A gran maioría escolleu a opción completa, chamada: Eu galego +. ❤
● O cumprimento do reto levouse a cabo os días 10, 11 e 12 de maio
Preme aquí para descargar o modelo de contrato de compromiso lingüístico
“Atréveste?”, “Serás quen?”, “Proba a saír da túa zona de confort”, “Seguro que o podes conseguir!”, “Búscanse valentes”, “Aínda que só sexa por probar”… Unha chea de misteriosas mensaxes en post-its apareceren hai uns días polas clases dos dous institutos da ESO de Culleredo e todas incluían a etiqueta #Desafío72h. Moito deron que falar entre o alumnado e foron moitas as especulacións, ata que uns días despois se resolveu o misterio: o #Desafío72h era unha proposta dun grupo de alumnos/as que retaban ao conxunto dos institutos a probaren a usar o galego durante tres días.
Así, unha vez explicada a proposta, o alumnado que voluntariamente quería participar tivo que elixir entre dous niveis: o Eu ❤ galego, para falar galego no instituto, ou o Eu ❤ galego +, para intentalo tamén fóra. De entre os case de 200 alumnos/as participantes en cada un dos institutos, a gran maioría escolleu a opción de intentar falar galego en todos os ámbitos, tamén fóra das horas de clase, polo tanto, coa familia, nos adestramentos, no lecer, nas redes sociais, coas amizades etc. Os días de cumprimento do reto son tres: martes 10, mércores 11 e xoves 12 de maio.
O galego tamén no móbil, correo, camisetas ou tatuaxes
No contrato que o alumnado participante asinou inclúese ademais información doutras cousas que poden facer para, neses días, vivir un pouco máis en galego, como configurar o teléfono móbil ou as aplicacións de Google (Gmail, Drive, Youtube…) en galego, descubrir música dos diferentes estilos no noso idioma propio, descubrir máis para ler en lingua galega banda deseñada, revistas, literatura de todo tipo, información etc.
Ademais, paralelamente, en cada un dos institutos haberá algunhas accións paralelas, como concurso de camisetas con lemas en galego, unha xincana ou diferentes sorteos no IES Rego de Trabe ou un concurso de tatuaxes no IES Blanco Amor. Cada un dos 400 alumnos/as participantes levará de agasallo unha pulseira co lema Eu ❤ galego. No #Desafío72h participa tamén un bo número de profesores e profesoras, que se comprometen a usar o galego neses días nas súa clases e interaccións co alumnado.
Incentivo do uso do galego entre adolescentes de maneira positiva
Os obxectivos xerais desta iniciativa, que se desenvolve desde os equipos de dinamización da lingua galega de cada un dos centros, son os de incentivar o uso do galego de maneira positiva en todas as situacións da vida diaria do alumnado; vincular o uso do galego con mensaxes e accións positivas e atractivas; crear reflexión sobre a posibilidade real de usar o galego a diario e lanzar unha mensaxe social positiva favorable ao emprego do galego e á necesidade de crear ámbitos e contextos de uso en que a xente moza poida utilizar a lingua galega con comodidade. Este fomento do galego é un dos obxectivos e responsabilidades do ensino en Galicia, nomeadamente en zonas e tramos de idade onde o emprego da lingua propia é moi baixo, como é o caso da área da Coruña.
A iniciativa do #Desafío72 h partiu do alumnado do Club de Lingua do IES Rego de Trabe, que lla propuxo ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto veciño, o IES Blanco Amor, para así desenvolveren a acción de maneira conxunta e dirixida á maioría de adolescentes do municipio de Culleredo.