Alumnado de máis de 15 centros educativos recibiu formación ao respecto.
Saúde Mental FEAFES Galicia trata de sensibilizar, visibilizar e previr os problemas de saúde mental na sociedade. Por iso, durante o curso escolar 2021-2022 achegouse a máis de 15 centros educativos galegos, entre institutos de secundaria e facultades universitarias, para falar coa mocidade de diversos temas relacionados coa saúde mental.
Arredor de 500 alumnos e alumnas universitarias e 430 de secundaria recibiron as visitas de profesionais da saúde mental de distintos perfís (psicólogos/as, traballadores/as sociais, educadores/as sociais), que abordaron temas como a saúde mental en tempos de pandemia, a xestión e o manexo do estrés, mecanismos da ansiedade, sensibilización e intervención en suicidio ou prevención dos problemas de saúde mental. Nalgúns dos centros participaron tamén persoas usuarias da entidade ou familiares que achegaron a súa experiencia en primeira persoa.
Durante o curso escolar 2021-2022, impartíronse 10 sesións de sensibilización en institutos de A Coruña, Santiago, A Estrada, Lugo, A Pobra de Trives e Vigo. Pola súa banda, foron 11 os encontros realizados en facultades da Universidade de Santiago, da UVigo no campus de Ourense e da Universidade da Coruña, neste último caso a través do programa UDC Saudable.
Esta iniciativa xorde da necesidade de educar en saúde mental desde a infancia e a xuventude, máis nun contexto como o que estamos a vivir no que os problemas de saúde mental son cada vez máis frecuentes nestes tramos de idade. Facer chegar esta información directamente ao alumnado dos centros e a quen participa da súa vida diaria, como o persoal docente e orientador, axuda a que coñezan esta realidade e teñan as ferramentas necesarias para traballar na prevención dos problemas de saúde mental.
A saúde mental na xuventude
Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), un de cada sete mozos e mozas ten algún problema relacionado coa saúde mental. A depresión, a ansiedade e os trastornos do comportamento atópanse entre as principais causas de enfermidade e discapacidade entre a poboación adolescente. A isto, hai que engadir que o suicidio é a cuarta causa de morte entre os mozos e mozas de 15 a 19 anos.
Non ocuparse dos trastornos de saúde mental da mocidade ten consecuencias que se estenden á idade adulta, prexudican a saúde física e mental da persoa e restrinxen as súas posibilidades de levar unha vida plena no futuro. Por iso, informar e sensibilizar a estes grupos de idade é fundamental para previr ou abordar de xeito temperá os problemas de saúde mental que se podan dar na xuventude e reducir así o seu impacto na vida futura.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.