Día 8 de outubro na Casa-Museo Manuel María.
O próximo día 8 de outubro a Casa Museo retoma a programación cultural que desenvolve cada sábado do ano, a excepción do verán. Vaise facer coa celebración dunha gala-concerto da fase final do Concurso Manuel María de Composicións Musicais. Será no auditorio da Casa-Museo, ás 18.30 hrs.
A gala comezará coa interpretación das catro pezas finalistas do certame (o concurso, de carácter anual, ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María). As composicións finalistas serán interpretadas a cargo dun dos grandes pianistas do Estado no ámbito da música de cámara, Aurelio Viribay, e do barítono ferrolán Gabriel Alonso, titulado superior en canto pola Escola Superior de Música Reina Sofía. Unha vez rematada esta primeira parte, mentres o xurado realiza a súa deliberación, o mesmo pianista e barítino presentarán o seu traballo en concerto “No Camiño -dous séculos de canción galega”, un percurso pola lírica galega desde o XIX até a actualidade.
A actividade é pública e gratuíta mais, pola limitación de aforo, é necesario facer a reserva correspondente. Para iso debedes dirixirvos a contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou ao teléfono 698177621.