O Día Mundial da Saúde Mental pon o foco na infancia e na xuventude

• Esta celebración, que ten lugar o 10 de outubro, pretende concienciar sobre os problemas de saúde mental e trasladar aos axentes competentes as reivindicacións e necesidades do colectivo.
• Segundo a OMS, unha de cada sete persoas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental, situación que se viu agravada pola pandemia, que provocou un aumento do estrés e a ansiedade en nenos, nenas e adolescentes.

Hoxe, 10 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS) e que este ano centra a súa temática na saúde mental na infancia e na mocidade, unha materia pendente a nivel sanitario, social e educativo. Cabe sinalar que a metade dos trastornos mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos deles comezan antes dos 24.

Segundo a OMS, unha de cada sete persoas mozas de 10 a 19 anos ten algún problema de saúde mental en todo o mundo1. A pandemia agravou problemas existentes aos que non se lles prestou a atención necesaria, á vez que foi causante de novos problemas, provocando un aumento do 47% nos trastornos de saúde mental en menores de idade2.

Segundo un informe de UNICEF3, a ansiedade e a depresión representan ao redor do 40% dos problemas de saúde mental na infancia e na mocidade, ao que hai que sumar o malestar psicosocial de nenas, nenos e adolescentes que non chega a ser un trastorno mental, pero si perturba a súa vida, a súa saúde e as súas expectativas de futuro.

A falta de recursos, tanto económicos como humanos, fai que a atención á saúde mental sexa moi insuficiente nun contexto no que os problemas desta índole da poboación infanto-xuvenil están a aumentar. O custo da inacción é elevado debido ás súas repercusións en termos de vidas humanas e para os efectos que ten sobre as familias, as comunidades e a economía. O suicidio, por exemplo, supón un problema real entre a poboación moza; segundo un informe de Save the Children4, o 3% dos e das menores tivo pensamentos suicidas no 2021.

Por outra banda, a pesar da crecente concienciación sobre a saúde mental, o estigma segue a ter unha gran presenza na nosa sociedade. Este, intencionado ou non, dificulta que os nenos, nenas e adolescentes busquen tratamento ou apoio e limita o seu correcto desenvolvemento. Para reverter esta realidade, Saúde Mental FEAFES Galicia imparte charlas nos centros escolares galegos, tanto de secundaria como universitarios, sobre diversos temas relacionados coa saúde mental coa fin de visibilizar, sensibilizar e favorecer a prevención de problemas desa índole. Durante o curso 2021-2022, máis de 900 alumnos e alumnas acudiron a estas xornadas informativas e de sensibilización.

Por outra banda, para previr os trastornos mentais en idades temperás é importante involucrar ás familias e ás institucións educativas na etapa de prevención, desenvolvendo técnicas de detección temperá, intervención precoz e un clima relacional positivo e saudable no contexto educativo, familiar e social. Para iso, é preciso o investimento de recursos humanos e económicos, ademais de fomentar vínculos intersectoriais que permitan traballar conxuntamente aos diferentes sectores implicados.

Por tanto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para recordar que a protección da saúde mental da infancia e a xuventude é deber de toda a sociedade, e que debe ter un espazo relevante a axenda política coa fin de reverter a advertencia da OMS que indica que os problemas de saúde mental serán a primeira causa de discapacidade en 2030.

Escoitando aos mozos e mozas

A propósito do Día Mundial da Saúde Mental, Saúde Mental FEAFES Galicia lanza hoxe nas súas redes sociais un vídeo que recolle testemuños de mozos e mozas que falan das súas inquedanzas e preocupacións respecto á saúde mental da súa xeración.

Estes indican que a pesar de que se está tratando de normalizar a saúde mental, aínda queda moito por avanzar, pois cada vez fálase máis desta realidade pero os recursos e as axudas aínda son moi insuficientes. “Eu, por exemplo, nunca tiven a oportunidade de ir a un psicólogo no meu centro de estudios”, comenta Yara, mentres Marta advirte que “as listas de espera para ir a un psicólogo público son interminables e as citas moi espaciadas, o que fai insostible levar un tratamento axeitado”.

A constante exposición a estímulos, ás redes sociais ou a incertidume sobre o futuro son algunhas das cuestións ás que, sinalan, vese sometida a xuventude e que afecta negativamente á saúde mental. Non obstante, amósanse como unha xeración moi concienciada con este tema: “Ante todo, non debemos xulgar”, coinciden na resposta sobre que facer para coidar a saúde mental da xente que nos rodea.

Este vídeo, así como outras pezas audiovisuais pequenas e algunhas imaxes informativas, poderanse ver na web e redes sociais de Saúde Mental FEAFES Galicia a partir desta mañá.

Saúde Mental FEAFES Galicia

Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*