“O recoñecemento a PNO! significa poñer en valor o que se fixo e un impulso a todo o que se pode facer”

• A Radio do Patrimonio remata o Camiño en Santiago de Compostela con música e poesía.
• O proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
• Luz Fandiño e Pancho Álvarez, convidados especiais na emisión desde o Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
• Asistiron tamén o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela.

A inminente inscrición de Ponte…nas Ondas! no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO “significa o recoñecemento a unha traxectoria, un traballo e unha experiencia que leva moitos anos desenvolvéndose coa participación de milleiros de nenas, nenos e docentes, e significa poñer en valor non só todo o que se fixo senón tamén darlle un impulso cara a adiante, a todo o que se pode facer”.

Son palabras do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, durante a emisión de #ARadiodoPatrimonio este venres 21 de outubro en Santiago de Compostela. “Ponte…nas Ondas! é un magnífico proxecto que leva moito tempo poñéndose en valor, e é moi importante o traballo coa radio escolar: o alumnado investiga e estuda dun xeito transversal e divertido e aprende moito e case sen darse conta”, destacou o conselleiro.

A última parada no camiño

Os versos da poeta e activista Luz Fandiño abriron este venres a emisión de #ARadiodoPatrimonio desde o Salón Nobre do Colexio de Fonseca, ao carón da Praza do Obradoiro. “A poesía foi e é o bálsamo para as feridas que un leva dentro”, subliñou a poeta compostelá.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! (PNO!) emitiu o seu último programa do proxecto Radio do Patrimonio logo de pasar por Cea, Tui e Sarria. Un programa que contou neste caso coa colaboración do alumnado do CEIP López Ferreiro, encargado de elaborar as preguntas aos convidados: desde o propio alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, ata o Reitor da USC, contando tamén con actuacións musicais como a de Pancho Álvarez que fixo un obradoiro repasando os instrumentos de corda que constitúen a banda sonora de Galicia.

Tamén o gaiteiro e artesán de San Lázaro, Bartolo, volveu coller a gaita para tocar co seu alumno Xavier Varela Couceiro, neto de Xesús Couceiro, fundador en 1969 da libraría Couceiro, a libraría máis antiga de Compostela. En resposta aás preguntas do alumnado, o propio Couceiro achegou o seu anaquiño de patrimonio enfiando a historia do nacemento da súa libraría, primeiro na rúa de San Pedro, nun pequeno local de 23 metros cadrados e orientado a material escolar e libraría, e a súa evolución ata o que é agora, lugar de debate e encontro cultural ao carón da Praza de Cervantes.

Puxéronlle o ramo ao programa as Cordas Históricas de Pancho Álvarez. Desde a lira ata a guitarra eléctrica, Álvarez ofreceulle ao público un repaso da evolución musical de Galicia a través da corda, nun obradoiro onde nenas e nenos tamén quixeron achegarse a probar os instrumentos recuperados.

Foi o punto e final a unha serie de catro programas polos que ten pasado o mestre gaiteiro Xurxo Antúnez ‘o Terrible’, o artesán Xavier Blanco, a directora do documental, Mulleres na raia, Diana Gonçalves, a cantante Andrea Pousa, o Mago Antón ou o historiador Arlindo Arins. Catro programas que se poden recuperar e ver en diferido a través da canle de YouTube de Ponte… nas Ondas! ou nos seu portais www.pontenasondas.org e www.escolasnasondas.org.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*