Aprobada a inscrición de PNO! no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO

• O 17 Comité Intergubernamental da UNESCO que se celebra este ano en Rabat aprobou este xoves 1 de decembro a proposta conxunta de Galicia e Portugal
• A UNESCO felicita os Estados parte por unha iniciativa “que pon de relevo a participación das comunidades na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial compartido”.
• A UNESCO destaca tamén que o proxecto de Ponte…nas Ondas! pode servir de modelo internacional aplicable noutras áreas xeográficas.

“Hai vinte e sete anos iniciamos a construción dunha ponte de comunicación entre os centros educativos dos dous lados da fronteira de Galicia en España e Portugal. Coas nosas actividades démoslle voz á mocidade de todos os niveis educativos, desde a educación infantil até a universidade, utilizando o Patrimonio Cultural Inmaterial como unha ferramenta de educación patrimonial, de entendemento e diálogo intercultural”, subliñou Santiago Veloso, presidente da Asociación Cultural e Sociopedagóxica Ponte…nas Ondas! Na súa intervención este xoves 1 de decembro no 17 Comité Intergubernamental da UNESCO en Rabat.

Foi despois de que o Comité confirmará a beizón a PNO! para a súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Os expertos da UNESCO destacan a metodoloxía participativa da iniciativa e subliñan que “como experiencia transfronteiriza, o modelo PNO! pode reproducirse para reforzar o diálogo entre xeracións e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial a través das fronteiras”.

Interveu a continuación a profesora Esmeralda Carvalho, representante de PNO! en Portugal, quen destacou que “a nosa ponte nas ondas gaña hoxe unha nova dimensión, e foi posible grazas ao esforzo xeneroso de todas as comunidades educativas que decidiron preservar e transmitir este patrimonio común e transmitirllo ás novas xeracións”

“Convidámosmos a poñervos nas nosas ondas!”, salientou Carvalho.

Unindo e educación e cultura nunha ponte de cooperación

Asistiron tamén á proclamación de PNO! Na UNESCO o embaixador de España na institución, José Manuel Rodríguez Uribes, o director xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes do goberno español, Isaac Sastre, a embaixadora de Portugal na UNESCO, Rosa Batoréu, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a directora xeral do Patrimonio Cultural da Xunta, Carmen Martínez Insua.

A embaixadora de Portugal na Unesco, Rosa Batoréu, abriu as intervencións da delegación, destacando o traballo do alumnado, docentes e familias, subliñando que son eles o cerne do proxecto e felicitou a excelente avaliación da UNESCO a un proxecto que se ten revelado un modelo de cooperación transfronteiriza. Pola súa banda, o director xeral de Patrimonio Cultural e Belas Artes do goberno español, Isaac Sastre, sinalou que o traballo de Ponte…nas Ondas! “une dous piares fundamentais da UNESCO, a educación e a cultura”. Na súa opinión, PNO! “transformou unha fronteira nunha ponte continua de cooperación e colaboración a través do patrimonio”.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, afirmou que “como galegos debemos estar orgullosos porque un programa dos nosos centros educativos vai servir de inspiración para concienciar á rapazada sobre a importancia de coidar do noso patrimonio e grazas a esta iniciativa novas xeracións de todo o mundo aprenderán desde a infancia a importancia e valor do legado cultural e etnográfico”.

Román Rodríguez lembrou que só catro candidaturas a nivel internacional foron consideradas pola Unesco nesta reunión, salientando que unha delas sexa galega e amosouse “orgulloso” porque un programa cultural nacido nas aulas galegas poida ser considerado pola Unesco “un exemplo para o mundo”.

Un modelo para o mundo

“Esta ponte nas ondas da radio integrou a voz das persoas e comunidades portadoras de ambas beiras da fronteira luso-galega”, afirmou Santiago Veloso na súa intervención na UNESCO, “esa voz que desde a formación da lingua común galego-portuguesa recolleron os trobadores medievais nas cantigas de amor e de amigo con expresións e manifestacións comúns nos países da lusofonía”.

“Ponte…nas Ondas rescatou, investigou e educou neste patrimonio común as aulas das dúas beiras da raia e moitos centros integrárono nos seus plans educativos”, recordou.

O coordinador da asociación agradeceulle ao órgano avaliador o recoñecemento a todo este traballo. “Poñémonos ao servizo do Comité para divulgar este modelo e pedímoslle aos Estados de Portugal e España introducilo nos seus respectivos sistemas educativos”, concluíu.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*