Pequefilmes proxectará no Gaiás 65 curtas

Pequefilmes 2023 conta coa colaboración do IndieJúnior Porto.

A Cidade da Cultura volve acoller en xaneiro de 2023 unha selección do mellor cine dirixido ao público miúdo máis esixente coa sétima edición de Pequefilmes. O festival internacional de curtametraxes infantís proxectará no Gaiás un total de 65 obras, procedentes dunha vintena de países, na fin de semana do 28 e 29 de xaneiro.

Con Pequefilmes, a Xunta consolida a súa aposta por ofrecer contidos audiovisuais de calidade desde idades temperás, fomentado o gusto polo cinema e o espírito crítico das nenas e nenos, que son os encargados de elixir cos seus votos as tres mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.

Nesta sétima edición, as proxeccións distribúense en dúas seccións por idades: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos de idade, e Vacalouras, para maiores de 4 anos. As proxeccións serán na Biblioteca de Galicia e as entradas poden adquirise xa en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás, a un prezo de 3 euros por sesión. A sección Vacalouras poderá verse tamén en liña a través da plataforma Festhome na mesma fin de semana do festival, para facilitar que público de todo o país goce da programación.

Entre as curtas que se poderán ver no Gaiás hai pezas seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo, como a francesa The soloist, distinguida na última edición do Festival Clermont-Ferrand e no Stuttgart Trickfilm Film Festival, ou a británica Cat & Moth, premiada en festivais de Asia, Reino Unido, Canadá, Francia e Chipre, entre outros.  Mora Mora e The turnip, gañadoras nos Indie Cinema Awards, ou a norueguesa I’m not afraid, premio do público no Heilbronner Kinderfilmfest e mención especial no Festival Ojo de Pescado en Chile, son outras das cintas destacadas que compiten nesta edición.

Ademais, un total de 13 curtas españolas participan en Pequefilmes 2023, como El sueño de Quino, inspirada nas viñetas do creador de Mafalda ou Cole Krsuá, filme de stop motion, dirixido por David Castro e escrito por el e Mario Larrá xunto con tres nenos.

Obradoiros de animación

Pequefilmes recupera logo de dous anos os obradoiros de cinema para a cativada, unha das actividades máis demandadas polas familias. Nesta ocasión, as pequenas e pequenos a partir de 5 anos aprenderán en que consiste a animación go motion coa rodaxe dunha peza na que serán os protagonistas. Esta técnica, baseada no fenómeno da persistencia retiniana que deu orixe ao cinema, baséase en fotografar modelos en movemento para despois animalos empregando diferentes frecuencias de fotogramas.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*