Premios Escolares Innovaugas 2022

Certame para incentivar a educación ambiental arredor da utilización da auga e a preservación do medio natural.

A Xunta vén de convocar os Premios Escolares Innovaugas 2022 para incentivar a educación ambiental entre os máis novos arredor da utilización da auga e a preservación do medio natural.

O Diario oficial de Galicia publica hoxe as bases desta convocatoria conxunta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, dirixida aos centros educativos do primeiro e segundo curso de primaria de toda Galicia.

Este certame enmárcase no proxecto Innovaugas 4.0, no que Augas de Galicia está a impulsar a compra pública innovadora para avanzar cara a unha xestión dos recursos hídricos en Galicia verdadeiramente integral, que aborde a protección e o equilibrio dos ecosistemas e os recursos naturais en paralelo a un benestar económico e social equitativo.

Ao abeiro desta iniciativa, a Xunta pretende estimular entre o alumnado de primaria, cun enfoque didáctico adaptado aos novos tempos, a adquisición de bos costumes na utilización da auga e o coñecemento do comportamento dos ecosistemas hidrolóxicos naturais, as dinámicas fluviais ou os riscos asociados a eventos extremos ou ao cambio climático.

Para iso os Premios Escolares Innovaugas 2022 propoñen o desenvolvemento dunha peza audiovisual, dunha duración máxima de 1 minuto e mínima de 15 segundos, pensada para a súa difusión a través de redes sociais, que pode empregarse como un recurso máis para incentivar a curiosidade do alumnado por adquirir novos coñecementos e pola aprendizaxe de novos contidos, neste caso, ao respecto da auga.

O importe total dos premios en metálico desta convocatoria suma 12.000 euros e están cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Plurirrexional de España 2014-2020.

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos que oferten ensinanzas de 1º e 2º curso de primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Cada centro poderá participar cunha ou varias aulas destes dous cursos. Cada aula constituirá un equipo conformado polo alumnado da aula e un docente responsable. Admitirase unha participación por aula.

A temática da peza audiovisual estará relacionada con, polo menos, algúns dos obxectivos do proxecto Innovaugas 4.0: xestión de recursos hídricos e do medio ambiente, resiliencia fronte ao cambio climático no ámbito hidrolóxico ou economía circular da auga. Para a valoración das candidaturas o xurado terá en conta criterios didácticos e científicos, pero tamén a orixinalidade e capacidade comunicativa da peza.

En cada provincia, o xurado seleccionará 4 equipos finalistas e, de entre eles, un equipo gañador por provincia, que recibirá 3.000 euros como premio. Ademais deste galardón, agasallarase aos membros dos 16 equipos finalistas cun bidón de auga fabricado con plástico reciclado.

O profesorado participante responsable das candidaturas que resulten premiadas recibirá un diploma de Augas de Galicia que lles acredita como gañadores. Estes docentes responsables dos vídeos gañadores recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro, a través da sede electrónica da Xunta.

Nos seguintes enlaces pode consultarse a resolución e o extracto publicado no DOG información: https://acortar.link/nRoVfC e https://acortar.link/QZUMcU

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*