Primavera das Letras 2023: As cousas de don Paco

Unha obra teatral infantil asinada por Eva Mejuto e Lucía Cobo.

Damián Edrosa Veiga posa caracterizado como don Paco no seu despacho en Lourenzá. / Imaxe: RAG

A escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo asinan As cousas de don Paco, unha obra teatral infantil, para ler e para que representen os nenos e nenas, na que o lapis Donlapis, o reloxo Baldomero, a cámara de fotos Leica, a máquina de escribir Oliva e a lupa Guadalupa de Francisco Fernández del Riego son os encargados de achegar os nenos e nenas á figura do protagonista do vindeiro 17 de maio.

A presentación de Primavera das Letras desenvolveuse no único colexio de infantil e primaria do concello lugués de Lourenzá, onde Francisco Fernández del Riego naceu en 1913. O alumnado de 5º agasallou os convidados cunha divertida sorpresa tamén con forma de obra teatro sobre a vida de Paco. O presidente da RAG e a académica Fina Casalderrey, xunto ao homenaxeado e o seu biógrafo local Manuel Román, foron parte dos personaxes representados polos nenos Brais Maseda Oliva, Damián Edrosa Veiga e Esteban Edrosa López, e a nena Cristina Otero Cruña. A obra é unha adaptación da mestra Consuelo Borrajo González, a partir do proxecto Dende a fiestra de don Paco, que traballou na dirección da man da titora do grupo, Dolores Neira Teijeiro.

O acto, no que participou toda a comunidade educativa do colexio de Lourenzá e do veciño colexio de Trabada, foi conducido polo director do CEIP Juan Rey, Eduardo Iglesias Villar, e contou tamén coa intervención da presidenta da Mesa Coordinadora don Paco, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; e da xefa de Servizo de Coordinación Cultural da Consellería de Cultura en Lugo, a Ana Mel.

O presidente da RAG agradeceu a todo o profesorado do CEIP Juan Rey e de toda Galicia o seu labor como transmisores da lingua e da cultura galegas que tanto defendeu Francisco Fernández del Riego en tempos escuros, e lembrou que foi el o inventor, en 1963, do Día das Letras Galegas que agora protagoniza. “O Día das Letras Galegas é xa o Ano das Letras Galegas, a festa grande da nosa cultura. Hoxe don Paco estaría moi feliz se puidese ver esta fermosa homenaxe que lle rendestes os nenos e nenas e mais o profesorado da súa Lourenzá”, expresou Víctor F. Freixanes.

Fina Casalderrey tamén aplaudiu o “encomiable labor do profesorado” e desexou que a festa de hoxe anime a toda a rapazada de Lourenzá a defender e preservar a lingua galega, como fixo don Paco. “El sempre quixo apoiar a xente nova e abrirlle as portas á lingua no ensino; sabía que é nas nenas e nos nenos galegos onde agroma a verdadeira Primavera das Letras”, salientou.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*