Material pedagóxico para os centros de ensino secundario e bacharelato para ensinar a historia da diversidade sexual no noso país.
Sen cancelas. Proposta didáctica e é un material elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que xorde como complemento da exposición homónima que percorre a historia das disidencias sexuais en Galicia. A responsable do proxecto e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), Carme Adán, e un dos comisarios da mostra, Enrique Latorre, explicaron durante a presentación da iniciativa no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela os contidos e detalles deste material, que xa está dispoñible para a descarga no web do CCG.
Esta guía didáctica, dirixida ao profesorado e ao alumnado de ESO e bacharelato, ofrece información detallada dos contidos que aborda a exposición e, a modo de suxestión, unha pequena proposta didáctica con actividades para traballar tanto durante a visita como posteriormente na aula. Está dividida en sete bloques, seguindo a estrutura da exposición, e procura unha mellor abordaxe dos conceptos máis importantes desenvoltos na mostra a través da proposta de actividades. Os diferentes bloques son: “A humanidade, unha especie diversa”, “Da diferenza á disidencia”, “As que saíron do curro”, “Camiños de ida e volta”, “Chanzos cara á emancipación”, “Achegas na igualdade de dereitos” e “Referentes galegas de onte e de hoxe”. Xogos de etiquetas ou visionamento de filmes son algunhas das propostas que figuran neste documento, que está dispoñible no web do Consello da Cultura Galega.