Digochiño, a mascota do espazo #DígochoEu, estrea web. A canle digochiño.gal é un contedor de episodios dos contidos específicos para os máis pequenos que a TVG emite cada sábado na G2 para fomentar o uso do galego entre os cativos da casa.
Nela pódense atopar todos os vídeos das conversas entre o raposo e o xornalista en que, entre outros temas, falan de ecoloxía, feminismo, expresións tipicamente galegas ou cuestións cotiás, incorporando tamén cancións.
Desde o seu recente lanzamento Digochiño converteuse en todo un fenómeno viral nas redes sociais. A través das canles dixitais de #DígochoEu, os vídeos do raposo azul superan xa os dous millóns de reproducións en TikTok, e acumulan outros centos de miles en Instagram.
Digochiño xurdiu como un spin-off do espazo #DígochoEu, multipremiado proxecto dos medios públicos galegos creado hai tres anos para contribuír ao fomento da lingua e que xa conta con máis de 1.000 entregas. É un pequeno raposo azul e branco, as cores da bandeira galega, que foi gañando protagonismo en medios dixitais con cada entrega, grazas á boa acollida da cativada. O espazo infantil conta cun estudo propio nas instalacións da TVG, en San Marcos, onde se gravan as entregas.