FalaRedes 2023 arranca a súa XII edición coa primeira obra sobre Castelao dirixida á cativada

Castelao é a primeira obra sobre o autor de Rianxo dirixida á infancia, en concreto a un público de seis a 10 anos e ás súas familias. Con texto de Paula Carballeira e dirección de Fina Calleja, e as actrices Mónica Camaño e Cris Collazo, encargadas de dar vida ao propio Castelao e demais personaxes, a peza presenta un Castelao de oito anos feliz e aventureiro na súa vila natal.

Trátase dunha montaxe de ritmo trepidante na que a tensión dramática cabalga sobre o lombo dunha persecución polas rúas de Rianxo nas horas previas á partida cara Arxentina do escritor e a súa nai. Ademais, para facer aínda máis atractiva a representación, os diálogos de ficción introducen elementos marabillosos combinados con elementos recoñecibles da obra de Castelao, cos que o elenco, a música e o deseño de iluminación xogan creando un espectáculo cheo de plasticidade, cor e ritmo.

A obra, estreada o 19 de marzo no Auditorio Constante Liste de Teo, inicia a continuación unha xira que a levará a visitar O Barco de Valdeorras (Auditorio Lauro Olmo) o 31 de marzo ás 19,30 h; Viveiro (Teatro Pastor Díaz) o 14 de abril ás 18,00 h; Boiro (Casa da Cultura Ramón Martínez López) o 15 de abril ás 19,00 h; Vilalba (Auditorio Carmen Estévez) o 16 de abril ás 18,00 h; Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) o 22 de abril ás 18,00h; O Porriño (Centro Cultural) o 28 de abril ás 17,00 h; Monforte de Lemos (Edificio Multiúsos) o 29 de abril ás 18,00 h e Porto do Son (Casa da Cultural de Portosín) o 30 de abril ás 19,30 h.

Como en cada actividade do FalaRedes, a entrada será de balde e a información completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*