Agareso advirte da existencia dun nivel elevado de racismo e machismo entre o alumnado de Secundaria

  • A ONGD difunde os resultados dun estudo realizado pola consultora especializada Wayna, con enquisas a 300 alumnos e alumnas dos centros que participan no proxecto educativo Xeración Contrainfo.
  • Persoas dos principais colectivos afectados responden ao discurso de odio presente nos IES galegos nunha serie de vídeos que a entidade fará públicos a través da súa web e redes sociais e está compartindo con docentes, pedagogas e xornalistas a través de formacións especializadas

A ONGD galega Agareso denuncia a existencia dun nivel elevado de racismo e machismo entre o alumnado de Secundaria e cuantifica a presenza de estereotipos e de discurso de odio nos centros de ensino cos resultados dun estudo elaborado pola consultora especializada Wayna a partir das respostas ofrecidas por 301 alumnos e alumnas de tres Institutos de Educación Secundaria de distintas localidades galegas dentro do proxecto Xeración Contrainfo, que conta co financiamento da Xunta de Galicia.

O estudo describe un imaxinario social racista existente entre a rapazada galega que outorga, de xeito consciente ou non, ás persoas brancas certas características persoais e sociais positivas. Así, o 40% do alumnado define as persoas brancas como intelixentes e o 48% como boas estudantes fronte, por exemplo, ao 19% e 17% respectivamente das persoas de etnia xitana ou ao 26% e 26% das persoas árabes. Tamén se evidencia a crenza de que existe un conxunto de valores como sociedade atribuíbles so ás persoas brancas: sociedades europeas, valores democráticos máis sólidos, un maior cumprimento e defensa dos dereitos humanos, ausencia de pobreza, etc. Só o 18% dos comentarios que o estudantado adica ás persoas brancas poden ter matices negativos.

No outro lado da balanza, a poboación de etnia xitana é a que recibe unha maior porcentaxe de comentarios que teñen como base un estereotipo (o 85%), destacando a presenza de estereotipos negativos como conflitivas, problemáticas, violentas, ladroas ou malas estudantes. Máis da metade dos comentarios adicados ás persoas árabes son, tamén, negativos. Concretamente, o 51%. Empregando, de xeito recorrente, palabras terrorismo (23%), machismo (19%), homofobia ou pobreza. Pobreza é a palabra máis utilizada para referirse ás persoas negras, xunto con fronteiras (en relación coa emigración), traballo e dereitos humanos (ausencia de respecto dos mesmos nos seus países de orixe).

Para referirse ás persoas latinas, o alumnado emprega maioritariamente palabras como festa, música e baile, pero tamén “pandillas”, violencia e drogas. As palabras mudan cando describen as mulleres latinas, incorporando conceptos vencellados coa hipersexualización. De feito, o 31% do alumnado percibe que as mulleres latinas teñen maior probabilidade de exercer a prostitución (fronte ao 2% ou 4% de probabilidades que lles outorgan ás mulleres doutras culturas ou procedencias). Esta idea evidencia a presenza dun claro estereotipo racista e machista que leva aparelladas algunhas das actitudes e conductas denunciadas con frecuencia por este colectivo: cousificación, acoso sexual e agresións á liberdade sexual sufridas polas mulleres do colectivo dende a infancia.

Dentro desta mesma interseccionalidade existente entre os prexuízos raza e xénero, o 70% do alumnado afirma que as mulleres árabes teñen máis probabilidades de vestirse conforme aos preceptos establecidos pola súa cultura, reflictindo de xeito acrítico a idea estendida na nosa sociedade que relaciona o uso dos distintos tipos de velo (hijab, niqab, chador, burka, etc.) co machismo e coa falta de liberdade, mentres se consideran libremente elixidos todos aqueles aspectos da vestimenta que a nosa cultura reserva ás mulleres (tacóns, maquillaxe, pelo longo, depilación, saias, etc.).

O caldo de cultivo

As ideas racistas e sexistas que reflicte o alumnado galego parten dun imaxinario social compartido, tanto polas comunidades educativas dos centros como polas familias, os medios de comunicación e as redes sociais. O estudo elaborado por Agareso destaca, sen embargo, que o 44% do alumnado consultado asegura que as ideas que teñen sobre persoas de diferentes colectivos e culturas son “ideas propias”, construídas de xeito autónomo por eles e elas. A entidade apunta a que o nesgo de confirmación que existe nas redes sociais pode facer que non se perciba a influenza das mesmas nos nosos propios procesos de pensamento. De feito, o estudo reflicte que un 25% do alumnado afirma non recibir ningún tipo de información ou contido que discrimine a alguén pola súa cultura, sexo, país de orixe, por ningún medio, o que resulta altamente improbable, tendo en conta tanto o clima descrito polo informe nos centros de ensino como a intensificación dos discursos de odio que existe nas redes sociais e o uso diario que din facer das mesmas. Para a entidade galega, resulta especialmente preocupante comprobar que o alumnado galego non ten a capacidade de identificar o contido discriminatorio que recibe diariamente a través das redes e considera urxente e necesario intensificar a alfabetización mediática da rapazada.

Finalmente, o estudo recolle a opinión do alumnado con respecto a tendencias sociais como os avances en materia LGBTIQ+, algo que a metade do alumnado etiqueta como positivo, ou o fortalecemento do movemento feminista, que o 18% do alumnado consultado considera negativo. Ademais, o 60% do alumnado afirma que se están a incrementar o machismo e os discursos e actos racistas, o que un 21% delas e deles pensa que é algo positivo.

Materiais de libre uso

Como resposta á situación descrita no informe, Agareso elaborou unha proposta didáctica para traballar o discurso de odio nas aulas de Secundaria, xunto coa alfabetización mediática e a elaboración de contradiscurso. Fíxoo man a man con persoas dos colectivos afectados polo discurso de odio, como as mulleres latinas coas que traballa Arrainas en Santiago de Compostela, a rapazada migrante de orixe africano coa que traballa Sen Valos en A Coruña ou adolescentes integrados na Fundación Secretariado Gitano de Lugo. E, froito dese traballo, publicarán ao longo das próximas semanas unha serie de materiais multimedia nas súas webs e redes sociais, co relato en primeira persoa das consecuencias que ten o dicurso social racista nas vidas das persoas afectadas.

O 22 de abril celebrarán, en Santiago de Compostela, unha formación gratuíta que conta coa homologación da Consellería de Educación, para aquelas e aqueles docentes que desexen recibir máis información sobre o informe e as actividades didácticas propostas.

Informe

Memes realizados pola alumnado despois de traballar os discursos racistas

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*