Inicio do ciclo de actividades universitarias para reivindicar unha Educación Transformadora para a Igualdade de xénero

  • En 2023, Galicia cumpre 20 anos de adhesión á Campaña Mundial pola Educación (CME), a través das entidades, Ayuda en Acción, Educo, Entreculturas, a Universidade de Santiago de Compostela e Taller de Solidariedade.
  • Dende a CME- Galicia demandan unha educación transformadora con igualdade de xénero como medio para eliminar as barreira á educación e como impulso para o progreso social.

A Campaña Mundial pola Educación (CME) Galicia, iniciou o seu ciclo de actividades a mediados deste mes de marzo de 2023 co alumnado do Grao en Mestra/e de Educación Infantil e o Dobre Grao en Educación Infantil e Primaria do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O obxectivo da xornada foi presentar a CME ao estudantado e facer unha primeira introdución da Estratexia de Educación para a Cidadanía Global 2030, que promove “a construción dunha cidadanía comprometida e activa na loita contra a pobreza, a exclusión e as desigualdades, sempre na procura dun mundo máis xusto e solidario”, explicou a voceira da CME en Galicia, Mónica Viqueira.

A Campaña Mundial pola Educación é unha coalición internacional formada por ONG, sindicatos educativos, centros escolares, e diversos movementos sociais que se mobilizan para reclamar o cumprimento “dos compromisos internacionais asinados polos Estados paragarantir o acceso a unha educación de calidade para tódalas persoas do mundo”. Cada ano, centra as súas actuacións nalgún ámbito ‘socioeducativo’ relevante para o desenvolvemento social, sendo a igualdade de xénero o foco de actuación neste 2023.

Datos globais e de Galicia

Segundo os datos manexados pola CME, a nivel mundial, as nenas de entre 5 e 14 anos invisten en tarefas domésticas entre un 30% e un 50% máis do seu tempo que os nenos. Isto está a xerar novas fendas de xénero nas ompetencias dixitais e nas denominadas profesións STEM (científicas, tecnolóxicas, de enxeñería e matemáticas). Neste senso, segundo a voceira de CME Galicia, “a distribución do traballo reduce as oportunidades das ulleres de ter unha aprendizaxe e un avance profesional ao longo da súa vida”.

Referente ao anterior, un estudo publicado en 2020 pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, en España soamente un 0,5% das mulleres cursaron estudos tecnolóxicos, e no ámbito profesional tan só o 19,7% das posicións de especialistas en tecnoloxías están ocupadas por mulleres.

No ámbito docente a situación muda, pois segundo o último informe publicado correspondente a curso 20-21, no Estado, as mulleres son ampla maioría no profesorado que imparte ensinanzas no sistema educativo 67,2%, unha cifra que baixa na ensinanza universitaria ata un 43,3%, supoñendo os homes a maioría do profesorado.

Os datos son similares en Galicia, onde preto do 42% do corpo docente universitario corresponde ás mulleres.

Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME)

Malia que os datos a nivel nacional e autonómico evolucionaron nos últimos anos, a CME pretende incidir na súa visión global de actuación. Viqueira afirma que a coalición internacional “pretende unificar os esforzos rexionais e nacionais para producir cambios con incidencia a nivel mundial.” O traballo da plataforma consiste en visibilizar as diferentes realidades, “fomentar a solidariedade e conseguir compromisos máis alá dos límites fronteirizos”.

Por este motivo a CME organiza a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) na que máis de 124 países se mobilizan para captar a atención da comunidade educativa, as Administracións e a sociedade en xeral, para que tomen conciencia da “necesidade de facer real e efectivo o dereito a unha educación de calidade para todas e todos no mundo”.

En 2023 a SAME celebrarase do 24 ao 28 de abril e centrará as súas actuacións en demandar unha educación que promova a igualdade de xénero “que aborde as causas profundas da discriminación e a exclusión e contribúa á construción dunha sociedade xusta e igualitaria,” aclara Mónica Viqueira. En Galicia realizaranse actividades na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e na Universidade da Coruña (UDC) así como outras iniciativas que se detallarán máis adiante.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*