Paula Mayor Agrelo gaña o Premio Castelao de Banda Deseñada coa obra “Rosalía Oculta”

Cristian F. Caruncho resultou gañador na modalidade xuvenil e infantil coa obra ‘O día de San Martiño’.

O XVIII Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña xa ten gañadora e gañador na edición 2023. Na reunión do xurado, resultou seleccionada na modalidade xeral a obra ‘Rosalía Oculta’ da autoría de Paula Mayor Agrelo, mentres que na modalidade LIX foi elixida a obra ‘O día de San Martiño’ de Cristian F. Caruncho.

Nesta edición o xurado estivo composto por ilustradoras e ilustradores cunha recoñecida traxectoria na creación de banda deseñada como David Rubín, Emma Ríos, Anabel Colazo e os gañadores do ano pasado Siqi Luis Yang e Uxía Larrosa.

Da obra “Rosalía Oculta”, o xurado salientou a súa orixinalidade á hora de abordar un xénero como o biográfico escapando do relato histórico para poñer o foco na parte humana da icona literaria. Os membros do xurado tamén valoraron positivamente a estética “moi delicada que casa perfectamente co espirito romántico e decimonónico da obra de Rosalía de Castro”.

Mentres, da obra “O día de San Martiño”, o xurado subliña que o rural galego é o latemotiv da obra escollendo o western e o manga como soportes para achegalo a unha ampla audiencia, abordando a mestura de xéneros dun xeito honesto e maduro. Tamén puxeron en valor “o debuxo e a narrativa moi ben executados e o descaro divertido que enlaza moi ben todos os xéneros dentro da cultura pop”.

Cada un dos premios está dotado con 6.500 euros, ademais da publicación das obras.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*