As gañadoras do Certame Imaxes do Patrimonio 2023 de PNO!

• Aulas dos concellos de Ourense, Curtis, Teo, Tui, Santiago de Compostela, Salceda de Caselas, Ames, Barbadás, Vigo, Noia, Ponteceso, Salvaterra de Miño e Bergondo, en Galicia, ou de Paredes e Guimarães, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso.
• Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron na recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culminará co outorgamento dos premios este 16 de novembro no Día Internacional do Patrimonio Mundial.
• As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués de Ponte…nas Ondas!

Imaxe da familia de Martina González, do
IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas), 1º premio na categoría de Secundaria /
Título: No Carballiño as mulleres si saben dar malleiras!

Traballadores nun forno de fundición nos anos trinta, un gaiteiro na guerra, polbeiras do Carballiño mazando polbos no ano 1940, a foto de dous irmáns no ano 1939 ao decatárense de que loitaban en bandos distintos sen sabelo…

Velaí algunhas das magníficas estampas e as grandes historias que as acompañan, e que foron premiadas no VI Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Unha nova viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte… nas Ondas!

O xurado integrárono Anxo Cabada, profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

Está previsto que os premios poidan entregarse ao alumnado gañador coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, o próximo 16 de novembro de 2023.

Acceso ás imaxes premiadas: http://pontenasondas.org/vi-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-as-ganadoras

Traballando co patrimonio inmaterial nas aulas

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, con longa traxectoria de case 30 anos na promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, fai balance así dunha iniciativa que parte da idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras. Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental.

Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*