“Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras”

Composición gañadora do 2ª Concurso Manuel María de Composicións Musicais. A peza leva por título “Falan uns campesiños aos que lles expropiaron as terras” e é obra de Xesús Xosé Iglesias González.

É unha canción sobre o poema homónimo de Manuel María, publicado no poemario “Remol” (1970).

Os intérpretes son Juanma Varela (piano) e Esperanza Mara (voz).

Falan uns campesiños
aos que lles expropiaron as terras

De súpeto arrincáronnos
da terra brutalmente.

Dunha terra que era nosa
porque nela nacemos,
nela estaban chantadas
as nosas raigañas
máis fondas. O ar
que respirábamos era
terra; terra o sangue
que polas veas nos corre;
o noso corpo é terra
amasada con sangue,
con bágoas e con dor.

A nosa alma é unha terra
lixeira que non se ve,
nin pesa; non: non pesa.

Que é o que viñemos facer
á cidade en que os nosos pés
de terra esvaran nas rúas
de cemento, e escorrega
o chao baixo de nós…?

Que viñemos facer…?
Temos señardade da terra,
dos eidos que eran nosos.
Os nosos ollos de terra
espreitan no solpor.

E temos medo.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*