Cada novembro, tempo para a ciencia nas aulas. O profesorado de Galicia celebra en novembro o Mes da Ciencia en Galego, iniciativa promovida polo colectivo Igaciencia por primeira vez hai xa once anos.
A Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, así como as bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo acollerán ata 35 actividades de divulgación científica. Obradoiros de robótica, de astronomía, de arquitectura ou maxia, así como escape-rooms, mostras bibliográficas, charlas, contacontos e exposicións son algunhas das citas programadas para este mes. A programación completa pode consultarse nas páxinas web dos respectivos centros, así como no dossier que se achega. Ao mesmo tempo, as bibliotecas escolares tamén se unen a esta celebración promovendo o desenvolvemento de variadas iniciativas relacionadas coa ciencia.
Neste sentido, para apoiar a conmemoración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego, hai aberto un portal cunha selección de materiais científicos, así como unha colección de libros informativos en galego. Outras das iniciativas que impulsa a Consellería, relacionadas coa divulgación da ciencia en galego, son o proxecto Biblioteca Creativa e metodoloxías activas e traballos por proxectos.