Centros educativos galegos e portugueses celebran o Día Mundial da Radio 2024 con PNO!

O día 13 de febreiro de 2024 coincide este ano co martes de Entroido, e este é precisamente un dos temas estrela dos traballos das radios escolares para o Día Mundial da Radio. O entroido é unha das manifestacións do Patrimonio Cultural Galego-Portugués e, por tanto, tamén, boa ocasión para encher as ondas de programas co entroido como tema principal. Así, Entroido, patrimonio inmaterial e a propia radio foron algúns dos temas preferidos polo alumnado na elaboración de pezas para esta efeméride. Pero na escolma completa que o portal Escolas nas Ondas publicará este martes hai moitos máis: un programa especial dende unha residencia de maiores, a revolución do 25 de abril en Portugal, a tradición muradá das peneiras, unha homenaxe a Carlos o Xestal, o mito de Perseo ou mesmo unha entrevista ficticia con Camões, son exemplo da variedade de propostas.

De Viveiro a Tui, e de Lugo á Illa de Arousa, pasando por Pontedeume, Gondomar, Oleiros, Carballo, Moaña, Bueu… e cruzando a raia cara a Valença, Póvoa de Varzim, Paredes ou Vila Nova de Gaia. Serán arredor dun cento de pezas chegadas de ducias de escolas galegas e portuguesas, que se sumaron este ano á celebración desde Día Mundial da Radio. Nenas e nenos desde infantil a primaria e mozas e mozos de secundaria, bacharelato, FP e tamén alumnado de escolas de idiomas, achegouse aos micrófonos da emisora escolar para colaborar na xornada.

“Informando, entretendo e educando”

Lembramos que en decembro de 2022 Ponte…nas Ondas! foi recoñecida pola UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) sendo incluída no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España e é a primeira inscrición para Portugal e Galicia.

PNO! vén axudando a que as escolas se involucren cada ano nesta efeméride da UNESCO para a que a institución internacional escolleu este ano o lema “Un século informando, entretendo e educando”, salientando que a radio escolar é hoxe un medio que forma e educa nos medios de comunicación.

O portal ESCOLAS NAS ONDAS (www.escolasnasondas.com) recollerá este martes 13 todas as pezas radiofónicas elaboradas polos centros educativos nas súas aulas e radios escolares durante os días previos a este efeméride.

“A lingua é a nosa ponte”

Ponte… nas Ondas! recolleu o pasado mércores 7 de febreiro o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Entre outros, o xurado destacou as iniciativas transfronteirizas de intercambio lingüístico promovidas en escolas da Eurorrexión, a promoción da identidade común dos pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea no mundo lusófono, a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural común a galegos e portugueses e o recente recoñecemento pola UNESCO como “modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial).”

No acto de entrega, o presidente da asociación, Santiago Veloso lembrou a toda a mocidade que pasa por Ponte…nas ondas! construíndo e tecendo redes co patrimonio inmaterial galego-portugués. Tamén fixo referencia ao modelo “Ponte…nas ondas! que a UNESCO inscribiu e que a Xunta de Galicia vén de implantar no ensino formal. A integración do Patrimonio Cultural Inmaterial no sistema educativo é unha das liñas prioritarias de salvagarda e transmisión que desde o organismo internacional se está a promover.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*