“Noite de esmorga”, o videoclip do grupo gañador na categoría xuvenil da 6ª edición do Quero Cantar

“Noite de esmorga” é o videoclip de Temos Terras, presentado en Santiago de Compostela este venres 15 de marzo. Xa dispoñible no espazo en Youtube do #QueroCantar: https://www.youtube.com/watch?v=JzI74DBMHmU

Este venres 15 de marzo desvelouse o resultado do traballo no estudio profesional do grupo gañador na categoría xuvenil da sexta edición do Concurso “Quero Cantar” organizado por Cultura da Deputación da Coruña. A formación gañadora, Temos Terras, coñecémola en abril de 2023 durante a gala celebrada no Teatro Colón da Coruña, e fora premiada coa gravación dun videoclip, ben da canción presentada ao concurso, ben da creada no programa formativo que incluía o galardón.

A peza, logo da súa presentación pública, está xa dispoñible na canle de Youtube do concurso:

Temos Terras é un dúo formado por Alejandra Saavedra (guitarra e voz), de Teo, e Lucas Arango (piano e voz), de Santiago de Compostela, ambos cunha ampla formación musical desde a infancia. Xuntáronse como dúo no instituto. Para o proceso de gravación do clip contaron co acompañamento e titoría da artista MJ Pérez.

A deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Natividad González Rodríguez, felicitou o talento e o traballo do dúo gañador canda a titora profesional que os acompañou neste desafío, MJ Pérez, e valorou a traxectoria e a consolidación do concurso #QueroCantar da Deputación da Coruña. Natividad González tamén animou os presentes a difundir a iniciativa, subliñou a oportunidade para o intercambio e a aprendizaxe que lle proporciona á mocidade e salientou o amor pola música que demostra o traballo realizado polo grupo Temos Terras.

Durante a conversa pública no evento de presentación do clip, MJ Pérez destacou o esforzo dos músicos gañadores e tamén o seu amplo coñecemento musical, inusual para a súa idade. A titora do grupo explicou que durante a estancia tratou de afondar con eles no que “querían cantar e o que querían transmitir coa súa música”. MJ Pérez tamén insistiu no extraordinario labor do Quero Cantar como experiencia musical consolidada xa na súa sétima edición entre a mocidade galega.

Pola súa banda, o dúo gañador agradeceu á organización do #QueroCantar e a MJ Pérez o seu apoio durante o proceso, lembrando que a titora, alén de guialos e aconsellalos na composición da peza, abriulles a fiestra a toda unha parte oculta do mundo da música cara ao futuro.

“Non é o mesmo tocar algo que xa está feito que tocar algo teu, que creaches desde cero”, analizou pola súa parte Alejandra Saavedra, lembrando que o #QueroCantar, a diferencia doutras experiencias musicais para os máis novos, estimula a creatividade das mozas e mozos animándoos a presentaren, como obriga segundo as bases, as súas propias creacións.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*