Alumnado de seis institutos participa na final do Club de Debate Alingua

• Este sábado 13 de abril en Val do Dubra, o Auditorio Municipal, en Bembibre, acolle a competición desde as 10:00 horas do sábado.

• Máis de medio cento de mozos e mozas, dos seis equipos gañadores da fase clasificatoria, demostrarán a súa habilidade coas palabras durante todo o día.

Os Testudos, Os Sofistas… ata seis equipos teñen cita o próximo sábado 13 de abril no Auditorio Municipal de Val do Dubra entre as 10:00 e as 18:45 horas. Chegou o momento de coñecer os máis hábiles oradores e oradoras dos centros educativos galegos, que afinan xa os seus argumentos á porta da gran final da edición 2024 do Club de Debate Alingua.

O Club de Debate é un programa cooperativo no que participan varios concellos galegos, e que promove e valora o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade. Trátase dunha actividade dirixida a mellorar as destrezas orais da mocidade en contextos formais e informais, fomentar a investigación e a reflexión e o debate sobre temas de actualidade. A iniciativa está promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), e na súa edición 2024 está apoiada polos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Narón, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra.

A finais do pasado mes de febreiro e durante tres días, celebrouse a fase clasificatoria no Edificio Multiúsos do Concello de Santa Comba. Os seis equipos gañadores debateron daquela intensamente arredor do tema “Débense prohibir os teléfonos móbiles nos institutos”. Nesta ocasión, o tema elixido para a final é o seguinte: “A supervivencia da lingua galega depende das persoas neofalantes”. Así, e durante toda a xornada do sábado 13, cada equipo participante deberá debater en dúas quendas, debendo adoptar en cada quenda unha das opcións: “a favor” e “en contra” da tese proposta. Un xurado integrado por cinco profesionais de diversas áreas relacionadas puntuará as intervencións dos equipos.

Os seis equipos participantes na final son os seguintes:

IES Canido (Ferrol)
Os Testudos (CPI de Bembibre – Val do Dubra)
Os Sofistas (IES de Cacheiras – Teo)
Os Gandariños (CPR Santiago Apóstol – Narón)
IES Terra de Xallas (Santa Comba)
IES Camilo José Cela (Padrón)

Máis sobre o Club de Debate Alingua

A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes. Os equipos están formados por grupos mixtos (entre 4 e 10 membros) e conta cun/ha profesor/a que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.

A rapazada que debate neste certame debe agudizar o enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade e sempre coa axuda do profesorado que prepara os equipos.

Nas semanas previas á competición, todos os equipos de cada zona asisten conxuntamente a sesións formativas para familizarizarse co desenvolvemento dos debates e na que reciben asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.

O Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.

Os equipos gañadores das fases de zona e da final obteñen premios cos que acceden a contidos culturais ou a experiencias de convivencia e animación lingüística.

Nas redes:
https://www.facebook.com/AlinguaDebate

https://www.instagram.com/clubdedebate_alingua/

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*