O IES Terra de Xallas (Santa Comba) gaña a final do Club de Debate Alingua

• Na final celebrada a pasada fin de semana no Auditorio Municipal de Val do Dubra, en Bembibre, coa participación de seis institutos galegos.
• En segundo lugar quedou o IES Camilo José Cela (Padrón)

Máis de medio cento de mozos e mozas dos seis equipos gañadores da fase clasificatoria demostraron a súa habilidade coas palabras durante a xornada final do Club de Debate Alingua 2024, celebrada no Auditorio Municipal de Val do Dubra, en Bembibre. Entre as 10:00 e as 18:45 horas do pasado sábado 13 de abril, os máis habilidosos oradores e oradoras dos centros educativos galegos, enfrontaron argumentos. Nesta ocasión, o tema elixido para a final foi o seguinte: “A supervivencia da lingua galega depende das persoas neofalantes”. Así, e durante toda a xornada, cada equipo participante debateu en dúas quendas, debendo adoptar en cada quenda unha das opcións: “a favor” e “en contra” da tese proposta. Un xurado integrado por cinco profesionais de diversas áreas relacionadas puntuou as intervencións dos equipos.

Finalizada a xornada, a puntuación quedou así:
1º clasificado: IES Terra de Xallas (Santa Comba)
2º clasificado: IES Camilo José Cela (Padrón)
3º Os Sofistas (IES de Cacheiras – Teo)
4º Os Testudos (CPI de Bembibre – Val do Dubra)
5º IES Canido (Ferrol)
6º Os Gandariños (CPR Santiago Apóstol – Narón)

O xurado valorou o esforzo de todos os equipos, nunha igualadísima final que enfrontaba aos seis equipos xa gañadores das súas respectivas fases previas e que se resolveu apenas nunha pequena presa de puntos.

Os dous primeiros, IES Terra de Xallas (Santa Comba) e IES Camilo José Cela (Padrón), serán así os equipos que gozarán do premio adicional dunha viaxe multiaventura dunha fin de semana, con contidos culturais relacionados cos obxectivos da actividade.

Club de Debate Alingua

O Club de Debate é un programa cooperativo no que participan varios concellos galegos, e que promove e valora o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade. Trátase dunha actividade dirixida a mellorar as destrezas orais da mocidade en contextos formais e informais, fomentar a investigación e a reflexión e o debate sobre temas de actualidade. A iniciativa está promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), e na súa edición 2024 está apoiada polos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Narón, Pontevedra, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra.

A finais do pasado mes de febreiro e durante tres días, celebrouse a fase clasificatoria no Edificio Multiúsos do Concello de Santa Comba. Os seis equipos gañadores debateron daquela intensamente arredor do tema “Débense prohibir os teléfonos móbiles nos institutos”.

Máis sobre o Club de Debate Alingua

A iniciativa diríxese ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes. Os equipos están formados por grupos mixtos (entre 4 e 10 membros) e conta cun/ha profesor/a que se encarga de adestrar, asesorar e representar o equipo.

A rapazada que debate neste certame debe agudizar o enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade e sempre coa axuda do profesorado que prepara os equipos.

Nas semanas previas á competición, todos os equipos de cada zona asisten conxuntamente a sesións formativas para familizarizarse co desenvolvemento dos debates e na que reciben asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación.

O Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.

Os equipos gañadores das fases de zona e da final obteñen premios cos que acceden a contidos culturais ou a experiencias de convivencia e animación lingüística.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*