O Legado: escape room en liña sobre a historia medieval de Galicia

Artefeito argallou o Escape Room en liña O Legado baseado na historia medieval da Fortaleza de Vilaxoán. Este proxecto foi desenvolvido ao abeiro do certame “Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia” da Deputación da Coruña.

Este Escape Room está deseñado como unha aventura dixital na que, a través de diferentes probas e pistas, os e as xogadoras irán descubrindo a historia fascinante desta fortaleza. O castelo de Vilaxoán, tamén coñecido como Torre da Caldaloba, foi o epicentro de numerosas batallas contra os Reis Católicos no século XV, nun enfrontamento pola autonomía e a identidade propia fronte a Castela. Neste lugar non só se libraron batallas físicas, senón que tamén se teceron redes de alianzas e intrigas políticas que determinaron o curso da historia de Galicia.

A través das diversas probas que vai presentando o Escape Room O Legado, e dun xeito lúdico, as e os xogadores irán descubrindo detalles da historia deste lugar. Un xeito de gamificar os contidos históricos e presentalos de xeito atractivo a todo tipo de públicos. Con isto, o proxecto O Legado pretende reivindicar o patrimonio medieval galego, non só na súa vertente material, senón tamén o relato, dando a coñecer un episodio crucial para o devir de Galicia.

O Legado é unha proposta de Artefeito, desenvolvido por Hype Escape Room e financiado pola Deputación da Coruña no marco do Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia.

Pódese acceder a O Legado a través desta ligazón: https://www.olegado.gal

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*