A “Ruta contra os discursos de odio” abre inscrición para levar 25 mozas e mozos até colectivos en loita no pasado e hoxe mesmo

A actividade desenvolverase entre os días 17 e 26 de agosto de 2024 para que a mocidade coñeza en primeira persoa o traballo dos colectivos contra a discriminación e ocultación, e rematará no festival “Agrocuir” da Ulloa (Monterroso) que organiza concertos de música e outras actividades arredor da temática da diversidade, o respecto e ó cuidado.

A “Ruta contra os discursos de odio” organizada pola cooperativa galega sen ánimo de lucro Aventeira, abre a inscrición para levar, sen custe, 25 mozas e mozos de toda España polo territorio das comunidades de Galicia, Castela e León e Asturias para coñecer, de primeira man, as experiencias de colectivos en loita contra a desigualdade e a discriminación e facer visible o aprendido nos seus lugares de residencia, de orixe ou de actividade cotiá.

En cada localidade visitada pola ruta, persoas dos colectivos implicados explicarán ós participantes, como se organizaron no pasado ou como o fan na actualidade, segundo o caso, e o resultado da súa loita, tal como explicou a organizadora desta actividade,Mirem Alonso.

A mocidade inscrita na actividade sairá en autobús dende Santiago de Compostela o día 17 de agosto e coñecerá, en primeiro lugar, ás reivindicacións das mariscadoras do Morrazo que desenvolven o seu traballo con “pouco recoñecemento”, aínda que as mulleres son maioría no colectivo que marisquea, e con condición laborais precarias.

Tamén irán até Castrelo de Miño para coñecer e falar cos labregos que se opuxeron a construción do encoro xa histórico (nos anos 60) nun val dos máis fértiles de Galicia.

En toda Galicia e comunidades veciñas

No albergue Eco dos Teixos, na contorna das montañas de Casaio (Carballeda de Valdeorras) coñecerán a resistencia, tamén histórica, dos fuxidos de época franquista que se agocharon na Cidade da Selva, e a súa organización nos anos de represión.

Nos altos de Pena Trevinca coñecerán colectivos, como o leonés Cabrera despierta, que se opoñen os aeroparques, ás instalacións de novos parques eólicos e o seu xeito de informar e denunciar arredor dos danos medioambientais provocados por este tipo de instalacións. “Toda a veciñanza está implicada e contan con asesoramento especializado que os troca en casos de éxito entre as movilización sociais”, detalla Alonso.

En Lugo a ruta contactará co Sindicato Labrego Galego (SLG) e ca súa liña de información e difusión da importancia de contar en Galicia cunha industria agroalimentar propia e responsable co medio ambiente e ca saúde das persoas.

A localidade da provincia de León Arcahueja (comunidade autónoma de Castela e León) será a base para coñecer os programas de integración real de inmigrantes e refuxiados (o 25% dos seus 200 habitantes) “nos que toda a poboación está implicada”; en Langreo (Asturias) as mozas e mozos coñecerán a pasada vida dos mineiros e as loitas emprendidas por eles durante a época franquista. A ruta rematará cunha xornada de reflexión sobre o visto e vivido nos 8 días anteriores, e ca participación no festival da Ulloa, previsto para o 2 de agosto, que suporá o fin do evento e do programa abordado por Aventeira para visibilizar os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, baixo o lema “Impulsando os ODS”.
Este evento organizado en Monterroso arredor da diversidade, con actividades musicais entre outras, comezou con “moi pouca xente” e na súa novena edición, a de 2024, xa se amosa como “caso de éxito” participativo.

Info sobre esta actividade neste enlace (tamén da acceso ó formulario de inscrición) https://aventeira.com/gal/impulsando-ods/#4

As outras iniciativas do programa

Pola súa banda, Xulio López, da cooperativa organizadora Aventeira, detallou a situación de outras iniciativas incluídas no programa con financiación pública “Impulsando os ODS dende a educación non formal”.

Así, o concurso de actividades e dinámicas de educación non formal conta xa con listado de premiados, publicado nas redes sociais (Facebook e instagram), e Aventeira contacta nestes días con elas para darlles a coñecer a dinámica de entrega das súas recompensas.

A escolla de ideas premiadas fíxose entre 60 diferentes propostas por educadoras e educadores de toda España ( Andalucía, Madrid, Extremadura e Galicia, entre outras). Nesta mesma fin de semana rematou o último módulo da Escola de Empoderamento desenvolvida en Narón, na que se recolleron testemuñas de xente nova para a actividade “A voz moza dos ODS”, que quedará rematado co rexistro de parte dos participantes da “Ruta fronte os discursos de odio” do mes de agosto. Segue en preparación o “kit de emerxencia para educadoras” que contará con instrucións e materiais útiles para realizar actividades vencelladas cos ODS.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*