O informe PISA puntúa alto a creatividade do alumnado galego

O alumnado galego volve destacar en PISA e sitúase no grupo de cabeza estatal en canto a pensamento creativo.

Segundo o informe divulgado en xuño de 2024, Galicia obtén unha puntuación media de 34,3 puntos, 1,5 por riba da medida de España (32,8 puntos), 1,6 dos países da OCDE (32,7 puntos) e 2,2, da Unión Europea (32,1). A nivel estatal Madrid encabeza o ránking con 34,8 puntos, seguida de Castela e León, que ocupa a segunda posición con 34,6. Son, xunto a Asturias, as catro únicas autonomías que superan os 34 puntos, o que as sitúa no nivel 4, o mesmo no que se atopan os países con mellores puntuacións de todo o mundo.

Ademais, Galicia, xunto con Madrid e Castela e León, destaca tamén en dúas variables especialmente significativas cando se analizan os resultados con maior detalle. Por unha banda, son as tres comunidades con maior porcentaxe de alumnado en niveis altos de rendemento en pensamento creativo. E, por outra, son as que presentan menor porcentaxe de alumnado no nivel baixo, é dicir, os que non acadan o nivel básico.

Este informe de PISA avaliaba a competencia en pensamento creativo dos estudantes de 15 anos de idade (4º de ESO) co obxectivo de determinar o grao de preparación dos sistemas educativos para que os estudantes pensen de forma creativa en distintos contextos.

Analizar ideas e obter bos resultados

A proba, que forma parte do conxunto das realizadas ao abeiro do Informe PISA 2022, explora ata que punto os alumnos poden xerar ideas diversas e creativas e avaliar e mellorar as ideas de outros para acadar resultados creativos. Para isto, os alumnos tiveron que desenvolver tarefas en catro áreas específicas que foron expresión escrita, expresión visual, resolución de problemas sociais e resolución de problemas científicos.

Tendo en conta a variable xénero, as diferencias de rendemento de pensamento creativo é en todos os casos favorable ás mulleres, un comportamento que tamén se dá en Galicia, onde as mozas obteñen 2,2 puntos máis que os mozos, exactamente na mesma liña da media de España, e unha diferencia algo inferior aos 2,7 puntos da media da OCDE. O mesmo acontece atendendo ao nivel socioeconómico, onde os estudantes de contextos favorables presentan un rendemento superior que os seus compañeiros de contextos desfavorecidos, aínda que está diferencia é máis atenuada en Galicia que no conxunto de España e da OCDE, dado que o galego é un dos sistemas educativos máis equitativos.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*