“O teu corazón segue latexando máis alá da vida”

Curtametraxe gañadora do X Concurso de Curtametraxes para Escolares relacionado coa doazón e os transplantes.

Na décima edición do Concurso de Curtametraxes para Escolares relacionado coa doazón e os transplantes, convocado pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), resultou gañador o traballo “O teu corazón segue latexando máis alá da vida”, elaborado polo alumno Pedro Carrión Pérez do CPR San José (Ourense).

O segundo premio recaeu, “ex aequo”, nas curtametraxes “A melodIA da vida na doazón de órganos e tecidos”, de Alicia Martínez Vidal, Héctor García Senande, Izan Blanco Tajes e Pablo Lema Carril, do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas); e “Elixe o teu final…”, de Elena Flórez Sánchez, Carlos Miguel Hermida Blanco, Cristal Daniela Mota Feijoo, Laia Rodríguez González e Carla Gascón Vilarchao, do IES As Lagoas (Ourense).

A conciencia solidaria dos escolares galegos

Desde a Xunta destacaron a conciencia solidaria dos escolares galegos a prol da doazón e do transplante con motivo do Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos. A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, Judith Fernández Novoa, acompañadas pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, participaron o 8 de xuño de 2024 na entrega de galardóns aos gañadores do VI Concurso Escolar de Carteis e o X Concurso de Curtametraxes relacionados coa doazón e os transplantes.

O acto, que tivo lugar nas dependencias do Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela, permitiu conmemorar o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos e poñer en valor a calidade dos traballos presentados polo alumnado e a súa conciencia solidaria a prol da doazón de órganos e tecidos.

A entrega de premios contou, ademais, coa presenza da coordinadora autonómica de transplantes de ADOS, Encarnación Bouzas Caamaño, e de Jose Luís Fernández Astray, director de Comunicación de Gadisa, empresa colaboradora nestes galardóns.

Calidade artística e solidariedade

Nas súas intervencións, tanto a secretaria xeral da Consellería de Sanidade como a directora de ADOS salientaron a importancia de seguir traballando na sensibilización das persoas máis novas para asentar unha conciencia social favorable ao xesto solidario da doazón e os transplantes. Ademais puxeron en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos pola Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS e todos os integrantes da comunidade educativa.

Nesta edición destaca a alta calidade artística dos traballos presentados por preto máis de 500 estudantes, dos que 433 concorreron ao concurso de carteis e 79 escolares realizaron 28 curtametraxes.

Comunidade concienciada

A secretaria xeral técnica salientou que o pasado ano 2023 se rexistraron 109 doantes de órganos, posibilitando a realización de 331 transplantes, un feito que proba a concienciación e solidariedade dos galegos.

Ademais, con datos de 31 de maio deste ano, son un total de 125.443 as persoas que dispoñen de tarxeta de doantes de órganos.

Pola súa banda, a directora de ADOS subliñou a importancia do tecido empresarial galego que apoia iniciativas que favorecen a conciencia solidaria a prol da doazón, como GADISA, empresa que colabora desde a primeira edición do concurso de carteis para escolares, así como outras destacadas iniciativas relacionadas coa promoción dos distintos xeitos de doazón.

Carteis premiados

Na sexta edición do Concurso Escolar de Carteis relacionado coa doazón e os transplantes participaron 433 estudantes procedentes de 26 centros educativos de 18 concellos galegos.

Resultaron premiados na categoría de quinto e sexto de educación primaria, co primeiro premio “A vida agroma por ti”, de Anais Fernández Pérez, do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro (Ourense); e co segundo premio o traballo “Se doas a vida renace”, de Carmen Vázquez González do CEIP Castrelo de Miño (Ourense).

Na categoría de primeiro ciclo de ESO resultou gañador o traballo “Por que punto e final se pode ser punto e seguido?”, de Adriana Díaz Rodríguez, do CPR Colexio Montesol (Vigo); e o segundo premio foi para o proxecto “Doar tamén é unha forma de demostrar amor”, de Marina Prieto Sobral, do CPR Plurinlingüe La Inmaculada (Marín).

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*