FalaRedes 2025

‘Vinde todas’, ‘Fala, fala, falangueira’, ‘Castelao, un corazón á intemeperie’, ‘Mulleres, ritmo e tradición’ e ‘Pelica de burra’, xa na programación da RDL.

FalaRedes é un programa de dinamización do galego da Secretaría Xeral da Lingua dirixido ás entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Os seus obxectivos son ampliar a oferta de ocio no noso idioma en todo o territorio de Galicia, promover o uso e a valoración positiva da nosa lingua propia e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo en galego.

Pelica de burra

O FalaRedes 2025 abrou este 2025 con narración oral (a cargo de Vero Rilo) e música (a cargo de Luís Iglesias) para os máis pequenos da casa e trasládanos ao ano 2735. Pelica de Burra viaxa no tempo e chega a un futuro sen xogos, sen música… así que decide regresar ao pasado para recoller as palabras perdidas e devolverllas a un porvir que será, sen dúbida, moito máis luminoso.

Pelica de Burra ofréceselles aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística en dous posibles formatos: obradoiro para bebés (0-3 anos) en grupos reducidos ou espectáculo familiar.

Vinde todas
Vinde todas, de Carmela, é un espectáculo que nos presenta a Carmela -Carme López, Sara Méndez e Camille Hedouin-, un proxecto musical que parte da tradición, das informantes e dos arquivos musicais, pero que a entende como un ente flexible e moldeable que se adapta ao contexto actual a través de sons que viaxan desde as percusións ata referencias electrónicas.Trátase dunha proposta diferente no seu discurso tanto musical coma extramusical que sitúa a tradición oral e a perspectiva de xénero no centro.

O traballo Vinde todas persegue a visibilización das informantes e mestura o arranxo e interpetación musical coa investigación e análise etnomusicolóxica, pois os timbres e harmonías escóllense a través da comprensión dos usos e funcións primixenios das melodías.

Fala, fala, falangueira

Matrioshka Teatro presenta no FalaRedes unha proposta escénica dirixida a nenos e nenas a partir dos seis anos e as súas familias que xira arredor da transmisión da lingua. Inspirada en poemas, cantares tradicionais, cartas, contos… a peza desenvólvese como unha sucesión de xogos. Cunha narrativa aventureira, divertida e máxica, combinada con elementos de teatro físico, cancións, narracións e factores sorpresa, así como co simbolismo da iluminación, transmitirase a mensaxe de que cómpre usar con orgullo a lingua galega. Fala, fala, falangueira chegará esta primavera a oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

Castelao, un corazón á intemperie

No ano Castelao, a Rede de Dinamización Lingüística contará con diversas actividades orientadas a celebrar a figura do escritor, artista e político de Rianxo.

Velaquí a primeira, que nos chega da man da compañía Fantoches Baj. Trátase dunha peza de teatro dirixida a nenos e nenas a partir dos 6 anos e mais ás súas familias. Nela veremos a Varela Buxán -dramaturgo e director de escena que no seu día dirixiu a estrea d’Os vellos non deben de namorarse- renderlle a súa particular homenaxe a Castelao. Nun pequeno escenario, vai narrar as vicisitudes da súa vida e vai representar algúns dos seus fitos literarios apoiándose en diferentes técnicas escénicas. Deste xeito “O pai de Migueliño” contarao con viñetas a modo do Kamishibai, “Peito de Lobo” representarao usando un cabezudo, para o primeiro cadro do segundo lance d’ Os vellos non deben de namorarse empregará monicreques e para o monologo d’ Un ollo de vidro valerase da técnica do teatro de máscaras.

Mulleres, ritmo e tradición

Este ano, a Real Academia Galega dedícalle o 17 de maio a sete pandeireteiras e, con elas, a todas as mulleres que crearon e transmitiron a música tradicional, e a lingua, de xeración en xeración. A Rede de Dinamización Lingüística súmase a esta homenaxe con esta e outras actividades.

Mulleres, ritmo e tradición é un obradoiro de música tradicional dirixido a nenas e nenos de infantil e primaria. Impartido por Sabela Olivares, combina o descubrimento do patrimonio musical galego coa expresión corporal e vocal. A través da tradición oral, e empregando a percusión corporal como ferramenta principal, os nenos e nenas coñecerán de maneira lúdica, creativa e adaptada á súa idade, a riqueza e a función da música galega. Ao tempo que, cunha aprendizaxe multisensorial, se fomentan habilidades como a coordinación, a memoria e a atención, visibilizarase o papel das mulleres na nosa tradición musical cun enfoque integrador que busca que a música sexa vivida, non só como herdanza, senón tamén como experiencia enriquecedora e significativa.

Preme aquí para ver a programación de FalaRedes 2025
https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/rede-de-dinamizacion-linguistica/programas?content=/Portal-Lingua/Contido/iniciativa/Programas/contido_0180.html

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*