Agora vou cantar eu: libro homenaxe ás cantareiras

Iniciativa do Consello da Cultura Galega. Descargable de balde.

Agora vou cantar eu é o libro co que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe á celebración do Día das Letras Galegas. Pretende ser unha homenaxe ás mulleres creadoras e transmisoras da poesía popular cantada. A vicepresidenta da institución, Dolores Vilavedra, explicou na rolda de prensa que o libro “recolle a grandeza desta celebración, que non busca un nome, senón unha lexión de mulleres poetas e cantareiras, anónimas e sen obra nun volume que traslada ese espírito colectivo”. O libro, coordinado e editado pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto Miramontes, divídese en dúas partes: dunha banda, unha escolma de textos e un estudo crítico a cargo desta investigadora xunto cunha antoloxía que se mergulla no Cancioneiro popular galego, para seleccionar textos recollidos nos anos oitenta por Dorothe Shubarth e Antón Santamarina; e da outra, unha ducia de ilustracións realizadas por Cestola na Cachola (Xoana Almar e Miguel Peralta) que contan con códigos QR desde os que se poden ver e escoitar as catorce cantareiras así como seguir os textos a través das transcricións. “O libro foi entendido como un proxecto transmedia, por iso todo o contido está recollido nun espazo web que xa está accesible” explicou Manuel Gago, coordinador da Unidade Divulgación e Contidos Dixitais do CCG.

A obra Agora vou cantar eu forma parte da serie de libros de homenaxe que o CCG edita para o Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, adaptada á singularidade desta elección, pois “a escolma realizada rescata os nomes e alcumes, a voz, o rostro, a localización xeográfica e cronolóxica das súas protagonistas, catorce cantareiras, espalladas polo territorio galegófono, nunha representación coral e abranguente da diversidade real, consonte o espírito da conmemoración académica” explica a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, no limiar que abre a publicación e que hoxe non puido estar presente na rolda por mor da viaxe institucional a Kiel, onde inaugura este xoves unha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia.

Escolma, gravacións e un estudo crítico

O libro, en palabras de Beatriz Busto, serve de homenaxe “a todas aquelas mulleres que cantaron, tocaron e bailaron, e mantiveron en circulación a nosa cultura popular e aseguraron a súa supervivencia”. O volume estrutúrase en dúas partes.

A primeira parte, dedicada “ás portadoras do lume”, está formada por unha colección de doce ilustracións de mulleres informantes seleccionadas por Beatriz Busto atendendo a criterios de relevancia musical, vocal e social, á variedade de músicas e textos que representen a riqueza da produción oral, lírica e musical galega, e na procura do equilibrio territorial. As ilustracións foron elaboradas por Xoana Almar e Miguel Peralta baixo o selo de Cestola na Cachola. Cada unha delas representa as informantes cos seus nomes e apelidos, alcumes, datas e lugares. As mulleres retratadas son Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos (Pandeireteiras da Alén, Ourense), Rosa de Moscoso (Pazos de Borbén, Pontevedra), Concha de Luneda (A Cañiza, Pontevedra), Felicia de Fofe (Covelo, Pontevedra), Josefa de Mongarillo (A Fonsagrada, Lugo), Josefa de Bastavales (Brión, A Coruña), Áurea de Laxoso (Ponte Caldelas, Pontevedra), Dolfina de Añobres (Muxía, A Coruña), Estrela do Marmito (Dumbría, A Coruña), Inés de Naipes (Cervantes, Lugo) e Ilda Álvarez Macía (Folgoso do Courel, Lugo). As ilustracións van acompañadas dun caderno no que consta cada un dos cantares, transcritos por Beatriz Busto, músicas seleccionadas por ser representativas do canto de cada unha delas. A través dun código QR pódese acceder á correspondente gravación musical (audio ou vídeo). Son doce gravacións, das que catro pertencen ao programa Alalá do arquivo da CRTVG; tres forman parte da colección D. Schubarth-A. Santamarina depositada no Arquivo Sonoro de Galicia do CCG, e as cinco restantes foron cedidas por compiladoras ou compiladores individuais ou por institucións para esta publicación (Luís Prego, Leni Pérez, Xerardo Fernández Santomé, Xosé Lois Foxo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega).

A segunda parte é un estudo crítico arredor da oralidade a cargo da etnomusicóloga Beatriz Busto. A investigadora comeza citando a Martín Sarmiento, “o primeiro en darse conta de que aquilo que cantaba o pobo oralmente era de valor poético e, por tanto, literario”. Reflexiona sobre o feito de que a poesía popular oral ten un dobre proceso: un de creación e composición individual e outro de recreación colectiva no que interveñen dinámicas que teñen que ver co préstamo cultural, coa solidariedade na composición e coa improvisación. E, ademais, non se pode desligar da música nin tampouco do baile. Após o estudo, Busto fai unha selección poética a partir do corpus do Cancioneiro popular galego atendendo a varios criterios: o primeiro, que só se recollan textos cantados e enunciados por mulleres; o segundo, que só se inclúan coplas que estean íntegra ou maioritariamente cantadas en galego, e, en último lugar, que permitan percibir a enorme cantidade de mulleres cantareiras que había ao longo da nosa xeografía. A antoloxía é en certo modo unha foliada xa que as coplas están agrupadas seguindo unha estrutura: as que abren o corpus son as que activan o baile mentres que as que falan do cansazo, da chegada da noite, do desexo ou da despedida son as que o pechan, e polo medio moita música, baile e poesía.

É unha edición non venal que conta con 500 exemplares numerados, pero hai tamén edición dixital tal e como explicou Manuel Gago na presentación. A través dun espazo web específico pódense descargar as ilustracións, o estudo crítico e a antoloxía, pero tamén escoitar as 14 cantareiras destacadas e xeolocalizar as 94 que conforman a antoloxía.

PREME PARA DESCARGAR O LIBRO ‘AGORA VOU CANTAR EU’

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*