Correlingua 2025: Unha mocidade activa por unha lingua viva

CORRELINGUA, denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e a infancia e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

En 2025 a iniciativa cumpre 25 anos.

Obxectivos do Correlingua

  • Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións en prol dela.
  • Sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua.
  • Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas e interdisciplinares.
  • Contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos e implicar as xeracións máis novas no cumprimento deste obxectivo.

Calendario Correlingua 2025

A Coruña – [Martes] 6 de Maio de 2025

Cangas – [Mércores] 7 de Maio de 2025

Monforte – [Mércores] 7 de Maio de 2025

Compostela – [Xoves] 8 de Maio de 2025

Vigo – [Venres] 9 de Maio de 2025
*Por mor da previsión de chuvia, adiada ao 23 de maio.

Mondoñedo – [Martes] 20 de Maio de 2025

Ourense – [Mércores] 21 de Maio de 2025

A Estrada – [Mércores] 21 de Maio de 2025

Ferrol – [Martes] 27 de Maio de 2025

Lugo – [Mércores] 28 de Maio de 2025

Pontevedra – [Xoves] 29 de Maio de 2025

MANIFESTO 2025 DO CORRELINGUA

A mocidade galega sae á rúa hoxe para demostrar á cidadanía que temos a forza e a determinación para defender o futuro da lingua. Porque somos unha mocidade comprometida. E nas nosas mans está manter o galego vivo. Por iso queremos deixar claro que o galego resistirá grazas a…

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

Sabemos que o galego é un tesouro que nos legaron aquelas persoas que, antes que nós, saíron á rúa coa lingua por bandeira. Aquelas persoas que conseguiron que o galego chegase aos xornais, ás radios e televisións, á escola e ás administracións. Grazas a esa xente podemos hoxe estudar na nosa lingua e falala en calquera circunstancia. Polas xeracións que non a deixaron morrer, nós tamén seremos…

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

A nosa lingua é grande. Nela créase cultura que nos fai sentir orgullo da nosa lingua e de quen a fala: cine, música e libros que levan recoñecementos máis alá das nosas fronteiras. Porque non hai nada que non poidamos expresar nela, e porque sabemos que en galego podemos crear un mundo, dicimos ben claro que aquí está…

Unha mocidade activa por unha lingua viva!

Porque podemos vivir en galego, porque coñecer unha lingua sempre nos fai mellores, porque o galego acolle a quen se achega a el e porque queremos poder ser na lingua que herdamos… por todo iso reafirmamos que o futuro é…

Unha mocidade activa, por unha lingua viva!

Nós podemos facelo! Confiade na xente nova! Habemos levar a lingua con nós e falala con fachenda, porque sabemos que sería absurdo perder a oportunidade que nos brinda o galego de chegar máis alá! Por iso, o galego permanece sementado en nós. Non teñades medos nin reparos en falalo, porque o galego falado é o galego vivo e nós queremos…

A mocidade activa por unha lingua viva!

Este manifesto é o resultado dos obradoiros Desata a lingua celebrados no 2024 nos que participaron alumnas e alumnos do IES Arzobispo Xelmirez II (Compostela), IES Alfredo Brañas (Carballo), CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños) IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Fonmiñá (A Pasroriza), IES Val do Asma (Chantada), IES San Rosendo (Mondoñedo), IES Perdouro (Burela), IES 12 de outubro (Ourense), IES San Mamede (Maceda), IES A Guía (Vigo), CPR Labor (Vigo). Os obradoiros foron impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*