Inicio » Ciencia » Olimpíada Matemática

Olimpíada Matemática

Fomentar o desenrolo dunha actitude positiva cara ás matemáticasA fase final da convocatoria a nivel estatal para a ESO terá lugar en Vigo do 21 ao 30 de xuño. O certame xeral celebra a final en Pamplona esta semana.

Máis que demostrar uns coñecementos especiais de matemáticas, o obxectivo deste certame é estimular a capacidade de raciocinio e a orixinalidade do pensamento. É dicir, unha competición entre estudantes coa meta de “estimular o estudio das matemáticas descubríndoas fóra dos ríxidos temarios curriculares e dos chamados exercicios tipo, en definitiva, desenvolver o gusto pola resolución de problemas”.

Existe unha convocatoria aberta a todos os estudantes de Bacharelato e tamén da última etapa da ESO. Ademais, convócase tamén a Olimpíada para a ESO, que logo da fase local no mes de abril, durante o mes de maio elixiranse os representantes galegos para a Olimpíada Matemática a nivel estatal. Este ano, na súa XXII edición, o certame será celebrado en Vigo, do 21 ao 30 de xuño

Máis información na web Olimpíada Galega da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA) e tamén na web da USC sobre a Olimpíada Matemática. Ademais, sobre a convocatoria estatal no espazo web da Olimpíada Matemática e no da 47 edición da Olimpíada Matemática Española 2011, que ten lugar en Navarra esta semana.

E, por que unha Olimpíada Matemática? Velaí o que expoñen na web da AGAPEMA:

E por que non? Claro que pode ser moi estimulante. En realidade, os obxectivos que nos propoñemos cumprir resúmense nos seguintes cinco puntos.

  • Fomentar o desenrolo dunha actitude positiva cara ás matemáticas, trasladando a súa natural dificultade a un desafío que propicie a aventura do pensamento e a creación.
  • Estimular a creatividade, a capacidade de decisión, o pensamento diverxente e a habilidade para enfrontarse a novas situacións e resolver problemas imprevistos.
  • Propiciar a participación de alumnos e profesores en actividades matemáticas complementarias ó traballo na aula.
  • Axudar a mellorar a práctica docente, apoiando a renovación e a innovación na forma de facer matemáticas o que contribuirá, sin dúbida, á mellora da ensinanza.
  • Favorecer na sociedade, en xeral, unha reflexión que posibilite o aprecio que as matemáticas, sen dúbida, merecen como instrumento de compresión do mundo actual.
  • A Olimpiada non é, logo, máis que un medio, unha forma de difundir este “espírito” e é que, despois de todo…

As matemáticas tamén serven para algo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*